Equina 2025 acollerá seis destacadas competicións, ademais doutras propostas con gran atractivo, conformando unha importante cita no mundo do cabalo que para Manuel Benavides tamén o é para a comarca desde o punto de vista económico, polo gran número de participantes, a súa procedencia e a súa longa estancia. Algo que, sinala, prodúcelle gran satisfacción, por poder “devolver á comarca parte do compromiso, agarimo e atención que esta lle ten dado a Equina”. Un evento que Ricardo Durán está “encantado” de acoller de novo nas instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA e do que destaca o seu crecemento “en calidade ano a ano”, á vez que pon en valor o escenario principal das súas actividades, o ring verde do recinto. Sobre el sinala o seu completo equipamento, que inclúe bancadas cubertas, amplas cortes para cabalos e pista de quecemento, entre outros servizos.
Equina terá como eixo principal o XI Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, o cal volveu a conseguir para esta edición a categoría tres estrelas. Así, por cuarto ano consecutivo a Real Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE) concedeulle o máximo nivel neste tipo de competicións, o cal supón un gran atractivo para a participación das mellores ganderías nacionais e tamén doutros países. De modo que, se ben aínda se pechan hoxe as inscricións, están confirmados xa participantes de toda España e tamén de Italia, Francia, Bélxica, México ou Costa Rica.
Un nivel nos participantes que cada vez é maior e que supuxo que nesta edición se empecen a recibir exemplares xa o mércores previo ao comezo do concurso, para que, como indica Benavides, “podan descansar máis antes de comezar a competición” e estean en “mellores condicións” para responder á esixencia do concurso”.
Esta proba, que se levará a cabo durante os tres días de Equina, será clasificatoria para a final do Campionato do Mundo, a cal se celebrará en Sevilla do 18 ao 23 de novembro, no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB).
Doma, enganches e equitación de traballo
Ademais do concurso morfofuncional, Equina 2025 contará con outras cinco competicións. Tres delas son xa citas consolidadas no calendario nacional de doma, sendo a XXVI Copa Accega, o Territorial da Federación Hípica Galega e o VII Trofeo Xunta de Galicia – Medio Rural de Doma Clásica, as cales suman en cada edición o dobre de binomios que en calquera outro evento de doma en Galicia.
As dúas competicións restantes corresponderanse cunha das probas do Campionato Galego de Enganches e coa II Proba da Federación de Equitación de Traballo. Esta última dá este ano un salto cualitativo e pasa a contar con categoría nacional, con participantes de todo o territorio nacional e tamén de Portugal.
Sumarase unha conferencia que, por primeira vez, incluirá unha mesa redonda posterior na que intervirán destacados nomes do mundo do cabalo e que se titulará “O cabalo, proxección deportiva e condicións de traballo na biodiversidade das ganderías”.
Por outra banda, recuperarase o bautismo hípico, pensado especialmente para os nenos das comarcas de Deza e Tabeirós -Terra de Montes co obxectivo de fomentar a equitación como deporte, e tamén para persoas con discapacidade ou alteracións intelectuais e motoras, para as cales o contacto con estes animais supón melloras cognitivas, físicas e emocionais. Nesta actividade, con cabalos cun adestramento especial para ambos os obxectivos e que será conducida polo Club Hípico Amazonas (Ponte Caldelas), outorgaranse diplomas e medallas aos participantes.
Ademais, a entrega de premios do domingo estará amenizada pola agrupación Gaiteiros da Pereiriña, da parroquia silledense de Ansemil-Martixe.
Todo iso nunha completa edición de Equina cuxa entrada será gratuíta e que contará co apoio de distintas consellerías da Xunta de Galicia, fundación Deporte Galego, Deputación de Pontevedra, Concello de Silleda, distintas adegas das denominacións de orixe Ribeira Sacra e Rías Baixas, a firma de alimentación ecuestre Pavo e a empresa silledense de alimentación animal Nudesa, ademais da colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia.