
Nesta cita, a 26ª do evento e que fará unha chiscadela á vitoria da selección española de fútbol no Mundial, o recinto acollerá a 921 rexistrados na súa Intranet. Un número que supón un 6,2% máis que o ano pasado, cando foran 867 rexistrados, e a segunda cifra máis alta de rexistrados dende que a Feira Internacional de Galicia ABANCA colleu a testemuña da Xunta para xestionar e celebra o evento, hai once anos. Dende ese ano 2015 soamente a superou a edición de 2019, cando foran 932, aínda que este ano a cifra aínda podería aumentar, xa que as inscricións seguen abertas na web do evento.
Estes rexistrados desfrutarán e compartirán os seus intereses sobre novas tecnoloxías e lecer electrónico con outros afeccionados e profesionais, ademais de formarse e competir en diversas áreas. Dispoñerán dun posto para o equipo informático con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén dun amplo programa de actividades exclusivas. E todos eles poderán navegar, grazas a Intermax Technology, a unha velocidade de ata 40 Gbps.
Os participantes na Intranet da XGN Intermax poden acreditarse e instalarse desde primeira hora desta tarde, cando o evento acende motores de forma non oficial na súa xornada preparty para realizar probas e facilitar o acceso, aínda que esta cita e o seu programa non comezarán ata mañá.
Formación e entretemento conxugaranse tanto nesta área Intranet como na zona aberta da party, denominada Extranet, que contará durante os dous primeiros días, mañá venres e o sábado, cun interesante programa ao que poderán acceder gratuitamente os inscritos e tamén os visitantes que se acheguen ao recinto.
Un programa para aprender e desfrutar
A XGN Intermax World Champions Edition contará cun amplo programa de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías, a informática e o lecer dixital, aínda que tamén incluirá propostas máis analóxicas para descansar da pantalla.
En canto ás dirixidas exclusivamente aos inscritos, programa nove competicións distintas de arte dixital, unha de set ups (os postos dentro da party), outra de leds denominada Open Led Race e o AI Contest, unha proba centrada en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo. Así mesmo, organizaranse torneos de preto dunha vintena de videoxogos, algúns para pc e outros para consola. Entre eles, haberá oito competicións con premios, a de League of Legends, CS2, Valorant, Rocket League, Mario Strickers, Smash, Mario Kart e tamén o torneo especial desta edición Fifa 2027: World Champions Edition, no que se xogará unicamente con seleccións nacionais en lugar de clubs e, ademais de premios aos tres primeiros, o gañador recibirá un trofeo moi especial impreso en 3D. As restantes competicións serán de AoE II Definitive Edition, Clash Royale, Paralives, Pokemon TCGP, Sims 4, Starcraft 2: Legacy of the Void, Tekken, Taiko, Teamfigth Tactics, Ultra Start e Web Games.
Por outra banda, no apartado hardware, ademais dunha granxa de impresoras 3D, haberá diversos obradoiros, como o centrado en ensamblar un dummy 13, un pequeno robot articulado; o de pintura acrílica para figuras impresas en 3D, ou o que permitirá construír e experimentar cun pequeno coche de xoguete fabricado mediante impresión 3D que achegará aos participantes de xeito práctico a conceptos relacionados con enerxía, propulsión, movemento, fricción e fabricación dixital. A todo iso sumaranse, como en cada edición da party, xogos tan divertidos como debuxo analóxico ou fast crimping.
Ademais da zona Intranet, exclusiva para rexistrados, a party conta novamente coa súa Extranet, área á que poden acceder tanto os rexistrados como os visitantes ocasionais do recinto. Esta zona Extranet estará aberta durante os dous primeiros días da party, e incluirá un amplo programa de talleres. Entre eles, o de introdución á microsoldadura e os centrados en intelixencia artificial, baixo os títulos “A túa propia IA, no teu portátil”, “Monta o teu asistente de voz” e “Automatiza o traballo repetitivo”, ou os de cosplay, orientados a confeccionar accesorios de personaxes de videoxogos, cine, manga ou cómic.
Engadirase, exclusivamente o sábado, unha zona FPV, tecnoloxía de visualización onde o operador experimenta en primeira persoa, nun monitor ou lentes especiais, unha situación ou contorna que recibe a través dunha cámara instalada nun dispositivo ou vehículo que transmite en tempo real. Incluirá simuladores e lentes para achegarse a este mundo, ademais de exhibicións de pilotos de drons ou actividades como o fútbol con drons.
Así mesmo, todos os días, haberá xogos de mesa, demostracións de rol, áreas de videoxogos, simuladores, ping pong ou futbolíns, entre outras propostas.
Unha programación que é un eixo fundamental deste evento e que conferirá un gran atractivo a esta edición especial, a cal contará de novo co apoio da Xunta de Galicia, impulsora da party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio de Intermax Technology.





