
No encontro destacouse a celebración este ano de 27 eventos maiores, cifra que iguala o récord de eventos anuais conseguido en 2021, co dato positivo de que este 2025 non é un ano excepcional, como foi 2021, o cal se beneficiara dun efecto rebote provocado pola falta de eventos en 2020 debido á pandemia. A estas citas súmanse neste exercicio unha vintena de eventos menores e as sesións da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA.
En canto a esta última, destacan neste exercicio as transaccións xeradas, xa que a falta de sumar os resultados da sesión especial de becerros carniceiros e vacún maior que terá lugar na Central Agropecuaria o 29 de decembro, xa rexistra unha facturación de récord ao superar os 58 millóns de euros, fronte aos máis de 38 millóns do ano pasado, cifra que tamén daquela supuxo a máxima da historia deste mercado.
No que se refire ao calendario da Fundación é relevante o crecemento en todas as feiras. Así, o certame agropecuario Abanca Cimag-GandAgro, reuniu un 20% máis de firmas e un 4,3% máis de público que na anterior cita; a feira de seguridade, defensa e emerxencias Sedexpo contou cun 19,2% máis de expositores; e a de transporte de viaxeiros por estrada ExpoBus Iberia celebrou a súa maior edición, cun 11,3% máis de empresas, unha superficie un 26,7% maior e un 8,8% máis de visitantes. Tamén a feira Abanca Semana Verde rexistrou a maior cifra de expositores dos últimos 18 anos, ademais de ser a cita máis internacional dos últimos 20 anos desta feira multisectorial e recibir a 112.200 visitantes, un 32% máis que en 2024.
Así mesmo, é destacable a incorporación no marco de Abanca Semana Verde do novo salón Intermax Beauty Show, centrado na beleza e a estética, así como a celebración de novidosas citas de organizadores externos que ademais contaron cun notable carácter internacional, como a Galican Agility Cup. Esta competición de agility congregou participantes de 22 países e foi a primeira deste deporte canino en Galicia cunha duración de cinco días.
Neste exercicio de 2025 a previsión é que a Fundación acade unha contas equilibradas no que se refire a actividade e, ademais, realizáronse investimentos por importe de máis de 300.000 euros co obxectivo de mellorar as instalacións da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA e potenciar a súa actividade, dadas as cifras que a acreditan como ferramenta ao servizo do gandeiro para maximizar os prezos do seus animais. A inversión corresponde coa ampliación da Central a través do acondicionamento dun terceiro pavillón, o que ademais suporá un incremento de ingresos ao concorrer máis animais ao mercado, e tamén doutras importantes melloras na Central que inclúen dende renovación de equipamento informático ata sistemas de vixilancia.
Orzamento 2026
Por outra banda, na reunión de hoxe analizouse o orzamento previsto para 2026, o cal será de case catro millóns de euros, un presuposto lixeiramente superior ao de 2025 que reflicte a liña positiva lograda nos últimos anos e ao mesmo tempo o comezo da amortización das inversións realizadas na ampliación das instalacións da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA.





