Silleda, 9 de outubro de 2025.- A maior lanparty galega pon xa a punto a súa edición especial centrada en intelixencia artificial, a XGN Intermax AI Edition, a cal terá lugar dende mañá ata o domingo a primeira hora da tarde no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.
Nesta destacada edición, que coincide co 25ª aniversario do evento, os dous pavillóns principais do recinto acollerán a 863 inscritos na súa Intranet, un 8% máis que o ano pasado, cando foran 800. Estes desfrutarán e compartirán os seus intereses sobre novas tecnoloxías e lecer electrónico con outros afeccionados e profesionais, ademais de formarse e tamén competir en diversas áreas.
As persoas rexistradas na party -cuxo número aínda pode aumentar, pois a inscrición segue aberta na web do evento- dispoñerán dun posto para o seu equipo informático con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén dun amplo programa de propostas e torneos exclusivos. E todos eles terán a posibilidade de navegar, grazas a Intermax Technology, a unha velocidade de ata 40 Gbps.
Estes participantes na Intranet da XGN Intermax poden acreditarse e instalarse dende primeira hora desta tarde, cando a party acende motores de forma non oficial para realizar probas e facilitar o acceso, aínda que o evento e o programa non comezarán ata mañá.
Formación e entretemento conxugaranse tanto nesta área Intranet como na zona aberta da party, denominada Extranet, que contará durante os dous primeiros días, mañá venres e o sábado, cun interesante programa ao que poderán acceder gratuitamente os rexistrados e tamén os visitantes que se acheguen ao recinto. Ademais, nesta edición especial na que a intelixencia artificial é a protagonista, a Extranet contará con presenza expositiva de varias empresas centradas en IA. Unha pequena mostra que supón o xerme dunha futura feira de intelixencia artificial que a organización xa está comezando a deseñar.
Más actividades e con destacados expertos
XGN Intermax AI Edition contará cun amplo programa actividades que volve medrar, pasando de cincuenta propostas o ano pasado a setenta nesta edición, o que significa un 40% máis. Nelas, acorde a esta edición especial da party, a intelixencia artificial terá un importante papel.
En canto ás actividades dirixidas exclusivamente aos inscritos, a Intranet incluirá competicións de arte dixital e tamén de CTF, nas que os participantes tratarán de resolver retos de ciberseguridade. Ademais, no apartado hardware contará con diversas propostas, entre elas introdución e creación de proxectos de modificación e personalización de equipos (modding), a carreira de leds Open Led Race e unha zona de impresoras 3D con granxa destas máquinas ou o espazo Maisprinter, pensado para que apaixonados deste ámbito compartan coñecementos, experimenten e poñan a punto as impresoras. En canto á área de software libre, incluirá propostas como o AI Contest, unha proba centrada en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo.
Así mesmo, organizaranse torneos de máis de vinte videoxogos, algúns para pc e outros para consola. Entre eles, haberá oito competicións con premios, que serán de League of Legends, CS2, Valorant, Rocket League, FC26, Mario Strikers: Battle League, Super Smash Bros Ultimate e Mario Kart Deluxe 8. As restantes competicións serán de Overwatch 2, AoE II Definitive Edition, Duck Game, Overcooked 2, Peak, Pokemon TCG Pocket, R.E.P.O, Starcraft 2: Legacy of the Void, Teamfigth Tactics, Tricky Towers, Ultimate Chicken Horse, Ultra Start, Web Games, StreetFighter e Clash Royale.
A todo iso sumaranse, como en cada edición da party, xogos tan divertidos como o trivial de cinema, debuxo analóxico, fast relato, xogos con avións de papel ou concurso de plastilina.
Ademais destas actividades exclusivas para rexistrados, a Extranet, de libre acceso tanto para inscritos como para visitantes ocasionais do recinto durante os dous primeiros días, incluirá un amplo programa de conferencias e obradoiros. Estes, de gran nivel e cun importante peso da intelixencia artificial, serán impartidos por destacados expertos. Realizaranse baixo os títulos “Intelixencia artificial aplicada á impresión 3D de medicamentos personalizados”, “IA na música, evolución e creatividade”, “Intelixencia artificial: o teu novo superpoder”, “Aumenta o teu potencial con n8n na era da IA”, “Espremer a túa pc ao 100%, optimización de CPU e GPU para gaming, creación de contidos e IA”, “Gamificación a través da IA para a formación”, “Revivindo a tecnoloxía, da Game Boy Cor aos Macs modernos” ou “Do mundo real ao mundo dos videoxogos: como Fortnite, o videoxogo máis xogado do mundo, abre novas portas para institucións e entidades”.
Por outra banda, haberá atractivos talleres, entre eles un centrado en electrónica que propoñerá construír unha radio FM dende cero, outro sobre como hackear dispositivos electrónicos, un terceiro de hacking ético e un cuarto centrado na programación de baixo nivel con fundamentos da programación de sistemas operativos en arquitectura x86. Engadiranse talleres de cosplay, actividade consistente en confeccionar disfraces e accesorios de personaxes de videoxogos, cinema, manga ou cómic. Ademais, o evento disporá de áreas de videoconsolas, de lentes de realidade virtual ou de simuladores de videoxogos, ademais de futbolín, ping pong, xadrez ou pistas deportivas.
Unha programación que é un eixo fundamental deste evento e que conferirá un gran atractivo a esta edición especial, a cal contará de novo co apoio da Xunta de Galicia, impulsora da party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio oficial de Intermax Technology. Grazas a esta compañía tecnolóxica galega, a cal se incorporou ao proxecto o ano pasado, os participantes poderán navegar por segunda vez a unha velocidade de ata 40 Gbps, o dobre do que se alcanzaba antes da implicación de Intermax Technology no evento. Ademais, nesta edición o provedor galego de aloxamento, servidores e infraestrutura Raiola Netwoks súmase ao evento cun patrocinio.