Esta tripla cita, organizada pola Sociedade Canina Galega por quinta vez no recinto feiral, incluirá mañá sábado a 113ª Exposición Nacional Canina C.A.C, con máis de 400 participantes. Xa o domingo celebrarase a 114ª edición de deste mesmo concurso e tamén a 51ª Exposición Internacional Canina C.A.C.I.B, reunindo a máis de 500 exemplares e sendo os gañadores destas dúas últimas probas comúns a ambas.
Estas competicións buscarán aos exemplares máis semellantes aos estándares da Federación Cinolóxica Internacional (FCI) para recoñecer aos mellores exemplares para a cría. Para iso, oito xuíces de España, Italia, Serbia e Finlandia valorarán a morfoloxía, movementos e carácter dos cans participantes, os cales pertencen a máis de 150 razas. Entre elas, algunhas moi coñecidas como Pastor Alemán, Border Collie, Cockel Spaniel, Bulldog Francés, Pekinés, Husky, Labrador ou Mastín Español, pero tamén outras menos comúns, como Poitevin, Rhodesian Ridgeback, Braco de Weimar, Whippet, Petit Brabaçon, Shih Tzu, Fila Brasileiro, Zwergpinscher ou Borzoi.
Best in Show
Estas citas serán de máximo nivel, xa que as Exposicións representan a categoría máis alta dentro deste tipo de concursos. As categorías serán “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven”, “Intermedia”, “Aberta”, “Veterana”, “Traballo” e “Campións”. Ademais, todos os participantes poden competir en “Parellas” e “Grupo de Cría”.
Premiarase ao mellor can de cada raza en “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven” e “Adulto”, os cales irán á final do seu grupo. Hai once grupos dos que sairán outros tantos gañadores, un por grupo. Entre estes once gañadores elixiranse os mellores en “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven”, “Veterano” e “Razas Españolas”.
O campión absoluto será o Best in Show da categoría de Adultos, a cuxas finais poderán optar tamén os cans con mellor puntuación das restantes categorías, excepto “Moi Cachorros” e “Cachorros”.
Monográficos e probas de ADN
Ademais destas tres importantes probas, este evento da Sociedade Canina Galega acollerá tamén varios concursos monográficos. Desenvolveranse o sábado e serán das razas Setter Inglés, Schnauzer, Pinscher, Bulldog Francés e Can Pastor Holandés.
Por outra banda, este evento ofrece por primeira vez aos participantes que, aproveitando a súa presenza, poidan realizar probas de ADN aos seus animais, as cales dende o pasado 1 de xaneiro son obrigatorias para a acreditación de pedigrí. O módico custo destas probas establécese en tres tramos. Se se realiza a un número entre un e tres cans é de 50€ cada un, entre catro e oito é de 45€ e máis de nove animais é de 42€.