Equina Galicia volve do 11 ao 13 de xullo con categoría tres estrelas e seis importantes competicións ecuestres

Silleda, 12 de marzo de 2025.- Equina Galicia celebrará a súa undécima edición do 11 ao 13 de xullo. Será de novo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), onde o ring se converterá en escenario de seis importantes competicións nas que participarán destacados exemplares das mellores ganderías nacionais e tamén doutros países.

Organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, este evento terá como eixo principal o XI Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, o cal volveu conseguir para esta edición a categoría tres estrelas. Por cuarto ano consecutivo a Real Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE) concedeulle de novo o máximo nivel neste tipo de competicións, pola súa excelente evolución e o esforzo na súa organización, ademais de valorar novamente as infraestruturas destinadas ao concurso no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Esta proba, que se levará a cabo durante os tres días de Equina, será clasificatoria para a final do Campionato do Mundo, a cal se celebrará en Sevilla do 18 ao 23 de novembro, no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB).

Doma, enganches e equitación de traballo

Ademais do concurso morfofuncional, Equina 2025 contará con outras cinco competicións. Tres delas son xa citas consolidadas no calendario nacional de doma, sendo a XXVI Copa Accega, o Territorial e o VII Trofeo Xunta de Galicia – Medio Rural de Doma Clásica. Os dous restantes corresponderanse cunha das probas do Campionato Galego de Enganches e a outra coa II Proba da Federación de Equitación de Traballo.

Ademais, sumaranse outras actividades que a organización pechará proximamente, entre as que se recuperará o bautismo hípico, pensando especialmente nos nenos das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes e co obxectivo de fomentar a equitación como actividade extraescolar e deporte para eles.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal