Silleda, 12 de decembro de 2024.- A Fundación Semana Verde de Galicia pecha 2024 rexistrando un ano máis cifras récord tanto en varias das súas feiras como nas transaccións da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, segundo se puxo de manifesto hoxe na reunión do seu Padroado. Esta xuntanza estivo presidida polo secretario xeral da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, Francisco Javier Abad, en calidade de vicepresidente do Padroado, e serviu tanto para facer o balance provisional deste ano como para presentar os orzamentos para 2025.
Neste exercicio de 2024 a previsión é que a Fundación acade unha contas equilibradas logo de conseguir un superávit na súa actividade de máis de 43.000 euros, que foron investidos en equipamento que permite continuar e mellorar a actividade da Fundación. Uns resultados rexistrados logo de celebrarse 19 eventos maiores, incluídas oposicións, ademais doutros 25 eventos menores e as sesións da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA.
Nestes eventos destaca a consecución de bos resultados en citas como a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que rexistrou a maior cifra de expositores dos últimos 17 anos e récords neste mesmo aspecto nos seus salóns de alimentación e turismo, cun 3,3% e un 3,1% máis de empresas presentes que nas súas mellores edicións. Tamén o seu monográfico forestal Galiforest Abanca acadou cifras máximas en expositores, cun 11,4% máis; empresas estranxeiras, cun 10% máis; superficie, un 11,5% maior, e tamén visitantes, un 34% por enriba da súa mellor marca.
A isto sumouse un novo evento propio ao calendario da entidade feiral, ExpoMunicipal, centrado nos servizos municipais e que desenvolveu a súa primeira edición en abril xunto con Enerxétika. Ademais, foi destacable a celebración de eventos doutros organizadores con gran carácter internacional, como o NOCO ISDE Galicia 2024 – Internacional Six Days of Enduro, un dos eventos mundiais máis importantes do motociclismo, que en outubro converteu o recinto no seu paddock e no escenario de diversos actos e probas, e que reuniu a 600 pilotos de 30 países.
Tamén neste exercicio destacan de novo as cifras da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, que, a falta de sumar os resultados da vindeira semana e tamén da sesión especial de becerros carniceiros do 30 de decembro, xa rexistra unha facturación de récord ao superar os 38 millóns de euros. Esta cantidade significa superar amplamente as transaccións totais do ano pasado, que ascenderan a 33.728.228 euros e supoñían tamén daquela a cifra máxima na historia da Central.
Presuposto ano 2025
A maiores, na reunión de hoxe analizouse o orzamento previsto para 2025, de 3.761.486 euros. Búscase así manter a liña positiva lograda en 2024, á espera tamén de que se materialice a celebración de probas de acceso dos distintos departamentos da Xunta, o cal é relevante nos presupostos da entidade feiral.