Freestyle Motocrós, previa mañá ao Motor Show Galicia´24

Silleda, 28 de novembro de 2024.- Motor Show Galicia 2024, organizado por Sac Events, volve ao recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA dende mañá e ata o domingo. E faio con dous eventos espectaculares.

Mañá terá lugar o primeiro deles, un show de Freestyle Motocrós con acrobacias e saltos extremos nos que catro destacados pilotos desafiarán á gravidade e o perigo. Un deles será o británico Greg Rowbottom, coñecido como “El Pegriloso”, con máis de 15 anos de traxectoria e campión da Copa de España de freestyle motocrós en 2018. Tamén participará o portugués Diogo Ribeiro, un dos talentos máis recoñecidos no seu país que logrou varios podios no Campionato Nacional de Motocrós de Portugal. Sumaranse os españois Pedro Moreno, catro veces campión de España de Freestyle, e Adrián Garrido, campión de España de Supercrós.

Ademais, os asistentes poderán ver adestramentos de drift de varios dos pilotos que participarán no propio Motor Show durante a fin de semana, no que se mostrarán derrapaxes con asombrosas habilidades.

Este espectáculo, que é unha especie de previa ao Motor Show Galicia, contará con entrada única e independente. Abrirá as portas ás 16.30h, dando comezo as quendas de drift ás 17.00h para logo levar a cabo o espectáculo de freestyle motocrós.

A cuarta edición de Motor Show, o sábado e domingo

Xa o sábado poñerase en marcha o Motor Show Galicia como tal, o cal se estenderá ata o domingo. Esta cuarta edición contará de novo cunha exposición de centos de vehículos de competición, de rally e clásicos que os seus propietarios exhiben no recinto para que o público poida defrutar deles, destacando gran cantidade de coches exclusivos e vehículos totalmente personalizados. Ademais, tamén haberá á venda equipamento e accesorios e celebrarase un programa con gran atractivo.

En canto ás actividades, tanto o sábado como o domingo, levaranse a cabo ao mediodía e á primeira hora da tarde emocionantes demostracións de drift e unha exhibición especial do piloto de rallyes Manolo Senra. Logo será a quenda de Paulo Martinho, pioneiro do freestyle en Portugal, que dará paso a unha exhibición de kart cros e a drif nocturno.

Ao longo dos dous días, nas distintas demostracións de drift programadas participarán numerosos pilotos, como Adrifeco, Jon Grenabuena, Marcos CRC, R.Silva, M.Oliveira, J.Magalhães, A.Blanco, Óscar P., Ismadenis, M.Vaqueiro, F.Vieira, David Silva, Borja Silva e Ángel Silva.

Ademais, no Motor Show Galicia 2024 haberá outras propostas, como simuladores, circuíto de karts e zona infantil.

En canto ás entradas, aínda que son específicas para cada un dos eventos, é dicir, independentes para o Freestyle Motocrós por unha banda e para o Motor Show por outro, tamén existen entradas VIP que dan acceso aos dous eventos.

Toda a información pode coñecerse con detalle nas contas de Motor Show Galicia nas redes sociais Facebook e Instagram.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal