Silleda, 5 de xullo de 2024.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia xa fixou as súas datas para 2025. Será do 5 ao 8 de xuño cando celebre a súa 47ª edición, coa que pretende converterse unha vez máis no gran certame multisectorial de comercio e lecer do noroeste peninsular.
O seu equipo traballa xa nunha cita coa que a organización pretende seguir ampliando a súa proposta, en cifras, pero tamén en atractivo tanto no que se refire á súa exposición como ao seu programa de actividades.
O XXVIII Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca; o XIV Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, a XI Feira de Festas de Interese Turístico, Festur, e tamén a XI Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap Abanca, uniranse a moitos outros sectores que irán desde gandería, bioenerxía, pequena maquinaria, xardinería ou ferramenta ata mobiliario, decoración ou artesanía, ademais de moitos outros produtos e servizos.
En canto ao seu programa, volverá incluír actividades para profesionais e público xeral, sumando novidades a propostas xa clásicas na feira que contan cunha excelente acollida en todas as edicións.
Unha feira que segue acadando récords
A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia é xa unha cita consolidada, grazas ao seu empeño en ofrecer aos expositores unha efectiva ferramenta de negocio e aos visitantes un evento á altura das súas expectativas.
Así, na súa pasada convocatoria, celebrada do 30 de maio ao 2 de xuño deste ano, reuniu a 746 expositores directos de seis países, a mellor cifra dos últimos 17 anos, ademais de rexistrar récords de empresas presentes e superficie no seu salón de turismo e de expositores no seu salón de alimentación.
Por outra banda, volveu ofrecer máis de 200 actividades das que puideron desfrutar os 84.673 visitante que acudiron ao recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA durante os seus catro días de duración.