Unha gran afluencia coa que o certame volve bater o seu récord de visitantes e que supón un 34% máis que na pasada cita, levada a cabo en 2022, cando acudiran 7.161 persoas. Unha porcentaxe de crecemento en asistentes que é o maior entre dúas edicións dunha feira que se ten acadado nun evento da Fundación Semana Verde de Galicia en, por lo menos, os últimos dez anos.
O público asistente puido coñecer na área expositiva do certame os produtos, servizos e propostas de 360 firmas expositoras de 28 países, as cales estaban representadas por 107 expositores directos (un 11,4% máis que en 2022) de 7 países (un 40% máis que na anterior cita) que ocuparon unha superficie de 15.306 metros cadrados (un 11,5% máis que entón). Unhas empresas e entidades presentes directamente das cales 11 eran internacionais de Portugal, Francia, Italia, Brasil, Letonia e República Checa, un 10% máis que en 2022.
Estes datos de exposición converteron á presentes edición na maior celebrada ata o momento en expositores directos e en superficie, ademais da máis internacional tanto en número de empresas estranxeiras presentes como en países representados por estes. Ademais, reafirman a Galiforest Abanca como a maior feira forestal de España.
A esta exposición sumouse un atractivo programa de actividades no que primou a posibilidade de mostrar e ver o funcionamento das máquinas expostas. E todo iso grazas á mellor localización posible, un monte con boa comunicación, fácil acceso e excelentes infraestruturas. Un lugar real de traballo que constitúe a razón de que o evento se celebre fora das instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA, organizadora do monográfico co apoio da Xunta de Galicia.
Con todo iso, os expositores trasladaron á organización unha opinión moi positiva desta edición, tanto polo seu crecemento como polo gran número de visitantes e o seu alto perfil profesional. Unha cantidade e tipo de visitante que, segundo expresaron, se traduciu nun alto volume de negocio e o peche de importantes acordos durante a feira.
Unha feira dinámica que apostou pola innovación
O programa de actividades de Galiforest Abanca converteuna nunha feira con gran dinamismo e que aposta por contribuír ao I+D+i no sector forestal, a través de multitude de demostracións e o seu Concurso de Innovación Tecnolóxica.
En canto ás primeiras, durante os tres días do certame leváronse a cabo preto de 200 demostracións, as cales tamén supuxeron a maior cifra ata o momento. Nunha zona do monte habilitada para iso ou ben nas propias parcelas das empresas expositoras, realizáronse, entre outras, demostracións de procesadoras forestais e de leña, astilladoras de troncos, serradoiros portátiles, trituradoras, biotrituradoras de restos vexetais e de poda, raxadoras, manipuladoras, motoserras, sistemas automáticos de bloqueo e liberación de estacas, tensores automáticos, robots desbrozadores e robots segadores, simuladores de maquinaria forestal, básculas para guindastres forestais e solucións innovadoras para plantación mecanizada, loita contra incendios, maquinaria especializada e análise de datos a través de conexión remota. Así mesmo, leváronse a cabo de traballos en altura, técnicas de preparación de gazas, tableado de tronco de serradoiro, limpeza e reciclaxe de cadros, experimentación con cepas de alnus glutinosa resistentes a phytophthora alni no río, cultivo de shitake, pleurotus ostreatus e ganoderma lucidum en ecolóxico, extracción de resina con diferentes métodos, recollida de resina para ensaios de microresinación, análises de calidade do mel, elaboración de velas con cera reciclada e de xabóns con produtos da colmea, fabricación de alimento sólido para abellas, ferramentas para descorche de sobreira ou inoculación de micelio en palla.
Ademais, a feira acolleu outras exhibicións máis lúdicas, como figurismo (tallado e realización de esculturas en madeira con motoserra) ou espectáculos de trepa.
En canto ao Concurso de Innovación Tecnolóxica, concorreron 21 novidades, un 50% máis que na pasada edición, as cales foron avaliadas por un xurado formado por oito expertos pertencentes a distintos ámbitos e cuxos galardóns foron entregados na xornada inaugural. O primeiro premio foi para un cabrestante móbil de tracción, mentres que as mencións foron para unhas luvas anticorte e antivibración clase 2, un portaferramentas teledirixido e unha procesadora taladora de eucalipto e piñeiro.
Por outra banda, sumáronse ao programa da feira dúas propostas centradas no sector da biomasa, a xornada “Certificación da sustentabilidade da biomasa” e os Premios Biomasa Galega 2024.