As competicións de beleza canina celebraranse finalmente na Feira Internacional de Galicia ABANCA os días 22 e 23 de xullo

Silleda, 25 de maio de 2023.- As competicións de beleza organizadas pola Sociedade Canina Galega, as cales reúnen cada ano na Feira Internacional de Galicia ABANCA por centos de exemplares de varios países, celebraranse finalmente os días 22 e 23 de xullo.

Programadas inicialmente para os vindeiros 3 e 4 de xuño, variaron as súas datas debido a cuestións organizativas. Será o único que cambie, xa que se manterán todos os concursos previstos.

Así, o sábado 22 de xullo levarase a cabo a 105ª Exposición Nacional Canina Feira Internacional de Galicia ABANCA, mentres que o domingo día 23 celebrarase a 106ª edición de leste mesmo concurso e tamén a 47ª Exposición Internacional Canina Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Citas de máximo nivel

Estas citas serán de máximo nivel, xa que as Exposicións representan a categoría máis alta dentro deste tipo de concursos. O seu obxectivo é buscar aos exemplares máis semellantes aos estándares da Federación Cinolóxica Internacional (FCI) e así recoñecer aos mellores exemplares para a cría. Para iso, sete xuíces de España e Portugal valorarán a morfoloxía, movementos e carácter dos cans.

As categorías destes concursos serán “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven”, “Intermedia”, “Aberta”, “Veterana”, “Traballo” e “Campións”. Ademais, todos os participantes poden competir en “Parellas” e “Grupo de Cría”.

Premiarase ao mellor can de cada raza en “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven” e “Adulto”, os cales irán á final do seu grupo. Hai once grupos dos que sairán outros tantos gañadores, un por grupo. Entre estes once gañadores elixiranse os mellores en “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven”, “Veterano” e “Razas Españolas”. O campión absoluto será o Best in Show da categoría de Adultos, a cuxas finais poderán optar tamén os cans con mellor puntuación das restantes categorías, excepto “Moi Cachorros” e “Cachorros”.

 
© 2020 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención ao público: de luns a xoves de 9 a 14 e de 15 a 18 horas. Venres de 8 a 15 horas