Silleda (Pontevedra), 2 de marzo de 2023. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou esta tarde que Galicia ten futuro nun sector primario que se renova da man do coñecemento e das novas tecnoloxías, como puido comprobar na inauguración da IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, á que asistiu acompañado do conselleiro do Medio Rural, José González.
O titular do Goberno galego recordou que Abanca Cimag-GandAgro é un escaparate no que as empresas dan a coñecer as novidades tecnolóxicas e industriais e un foro para que gandeiros, agricultores e outros profesionais intercambien coñecemento e iniciativas para poñer en valor o agro.
Alfonso Rueda referiuse, en particular, ás xornadas informativas nas que o Goberno galego deu a coñecer a orde de axudas para animar á mocidade a vivir do agro e no agro, facendo fincapé nas achegas dirixidas ás mulleres. A convocatoria do 2023 está aberta cun orzamento de 38,8 millóns de euros, un 3,5% máis que na anterior. Dos resultas da do 2022, un total de 353 mozos e mozas incorporáronse á actividade agraria.
O presidente lembrou tamén que o Consello da Xunta acaba de aprobar a próxima convocatoria do Plan de mellora de camiños rurais, que contarán co orzamento máis alto desde o ano 2017 con preto de 18 millóns de euros, e coas que se “seguirá dotando de infraestruturas o rural galego”.
Co obxectivo de asegurar un rural vivo, competitivo e innovador, o Goberno galego puxo en marcha tamén as estratexias sectoriais que pretenden sacarlle todo o proveito posible aos principais eidos produtivos do agro galego. Son a Estratexia de dinamización do sector lácteo, para poñer en valor o leite e os produtos derivados; a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, para impulsar a competitividade dos viños galegos nos mercados internacionais; e por último, a Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia, unha industria competitiva e líder que aporta valor engadido á actividade do agro galego.
A estas iniciativas súmanse outras como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, o Plan de pastos, as concentracións parcelarias, o Plan forestal de Galicia 2021-2040 ou a futura Lei da calidade alimentaria.
Alfonso Rueda aproveitou a cita para defender a forza do agro galego, que ten como símbolos “a remuda xeracional, o aforro enerxético ou a introdución das novas tecnoloxías” que se pode apreciar na feira.
- COMUNICADOS DE PRENSA de Abanca Cimag GandAgro 2023
- Fotos da INAUGURACIÓN DA FEIRA
- + FOTOS