Expoferr regresa do 9 ao 11 de febreiro como a maior feira de subministración, maquinaria industrial e protección laboral de España

Silleda, 14 de decembro de 2022.- A Feira Profesional de Subministracións e Ferraxería Industrial, Protección Laboral e Maquinaria, EXPOFERR, regresa á Feira Internacional de Galicia ABANCA, que organizará a terceira edición deste certame do 9 ao 11 de febreiro de 2023.

O evento foi presentado esta mañá nas instalacións da entidade feiral por Ricardo Durán, director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, e Santiago Souza, membro do comité executivo do certame.

Durán sinalou respecto a esta cita que é unha gran satisfacción celebrar a terceira edición de Expoferr por varios motivos, xa que o recinto volve poñerse ao servizo dos sectores industriais que aglutina a feira, demostra unha vez máis a polivalencia deste espazo feiral e tamén segue incrementando a actividade tras a pandemia. Sobre isto último recalcou, ademais, que neste caso faise cun certame que volve reforzado tras a crise sanitaria cunha edición de récord.

Pola súa banda Souza quixo destacar tamén este último aspecto, indicando que coas cifras alcanzadas xa para esta próxima edición, Expoferr sitúase como a maior feira coas súas características en España, á vez que fixo fincapé en que o certame, con carácter profesional, contará cun día máis de duración debido á demanda dos profesionais de contar con máis tempo para poder atender os múltiples puntos de interese que inclúe.

Un 66% máis de expositores e o dobre de superficie


Expoferr 2023 conta nesta terceira edición coa presenza de 110 fabricantes nacionais e internacionais que representan a 320 marcas de 11 países, as cales ocuparán unha superficie de 6.000 metros cadrados. Unhas cifras practicamente pechadas, aínda que se están realizando as últimas xestións comerciais, que respecto á pasada edición, celebrada en 2018, supoñen un 66% máis de expositores, un 45% máis de firmas e o dobre de superficie.

Estes expositores son empresas con gran relevancia no sector que conformarán un gran escaparate que incluirá ferramenta de man e de corte, abrasivos, parafusos, soldadura, mantemento, químicos, ferramenta eléctrica e pneumática, elevación e mantemento, andel e almacenaxe, protección laboral e vestiario de traballo. Neste sentido, por primeira vez estará presente a Agrupación de Subministracións Industriais de España (ASIDE), central de compras que conta con 36 socios e un volume de facturación de 260 millóns de euros.

Ademais, nesta edición, como complemento á súa exposición, realizarase un dossier de expositores onde se recollerán todas as novidades que estes presentan no certame.

En canto aos seus visitantes, en Expoferr 2023 teñen cabida profesionais de todos os sectores do tecido empresarial, os cales poderán entrar de forma gratuíta, aínda que será necesario dispoñer dunha invitación. Esta seralles enviada de forma instantánea unha vez realicen a súa inscrición como visitantes na páxina web da feira, www.expoferr.es.

O salón ofrecerá ademais aos futuros profesionais a posibilidade de coñecer novidades e intercambiar coñecementos. Así, programaranse visitas de alumnos de últimos cursos de ciclos relacionados con fabricación mecánica, instalación e mantemento ou automoción.

Por outra banda, tanto expositores como visitantes debidamente acreditados contarán con servizo de catering permanente durante todos os días do certame, cuxo horario será de 10.00h a 19.00h.

Aposta polas demostracións e presentacións


Se xa na anterior cita a feira contou cun importante número de demostracións, nesta terceira edición farase unha gran aposta por que estas sexan as grandes protagonistas e ofrecer así unha feira dinámica. Cunhas condicións inmellorables debido ás dimensións e diversidade de espazos do recinto, os fabricantes mostrarán o funcionamento do produto ou poñerano a proba, permitindo que o visitante vexa, probe e pregunte.

En Expoferr contará tamén cun papel destacado a presentación de novidades, estando moi presente a innovación en todas as vertentes da feira.

Tanto as demostracións como as presentacións serán continuadas durante as tres xornadas, realizándose tanto nos stand dos expositores como en áreas específicas acondicionadas para tal fin.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal