O comité de Abanca Cimag-GandAgro mostra o seu apoio á feira para a súa consolidación como referente en tecnoloxía agropecuaria

Silleda, 13 de decembro de 2022.- A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, avanza na súa organización para converterse do 2 ao 4 de marzo nun efectivo punto de encontro agropecuario.

Con este obxectivo o seu comité organizador celebrou esta mañá na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra) unha reunión na cal se abordaron diversos aspectos, como a comercialización ou o plan de promoción do certame, ademais de comezar a configurarse o programa de actividades da feira.

O encontro estivo presidido polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, Silvestre José Balseiros Guinarte, e durante o seu transcurso Abanca Cimag-GandAgro volveu recibir o firme apoio do sector. Este estivo representado por preto dunha vintena de entidades, empresas e cooperativas con gran peso no ámbito agrogandeiro. Así, participaron representantes da Federación Galega de Produtores de Porcino (FEGAPOR), Asociación Defensa Sanitaria de Porcino de Silleda, Federación Frisoa Galega (FEFRIGA), Africor Pontevedra, Delagro, Aira, Xenética Fontao, Maquinaria Agrícola do Noroeste-John Deere, Ausama, Tecnor Lalín Maquinaria, Agrotec Entrecanales, Hitraf, Claas Ibérica, Hermanos Villar, Delaval Equipos, Imán, Transmedia Comunicación e ABANCA Agro. Ademais, estivo presente Javier Bueno, profesor titular do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela e presidente do xurado do Concurso de Máquinas Destacadas que ten lugar na feira.

Tecnoloxía, relevo xeracional e importancia social


Durante a reunión, na que se analizou amplamente a situación, retos e oportunidades do sector agropecuario, destacouse o traballo de Abanca Cimag-GandAgro para consolidarse como feira da tecnoloxía aplicada á agricultura e a gandería, á vez que se recalcou o seu valor como vector de profesionalización do sector agropecuario a través da presenza das últimas innovacións, propostas e coñecementos.

Así mesmo, sinalouse que o certame será un foro idóneo para mostrar e analizar aspectos de gran transcendencia nestes momentos tanto para empresas como para profesionais, como a dixitalización do sector e a súa vinculación coa incorporación de novos agricultores e o relevo xeracional. Ademais, fíxose fincapé na oportunidade que supón para visibilizar a relevancia que ten o sector na sociedade e o importante papel que cumpre na mesma.

Un foro relevante


A última edición de Abanca Cimag-GandAgro celebrouse do 21 ao 23 de febreiro de 2019, non podendo levarse a cabo a de 2021 debido á pandemia. Esta última cita reflectiu a boa evolución do certame e a súa relevancia como foro do sector. Así, reuniu 544 firmas expositoras (un 39% máis) de 32 países, das cales 188 foron expositores directos (un 13% máis) de seis países. A feira ocupou ademais unha superficie bruta de 25.500 metros cadrados e neta de 12.734 metros cadrados (un 25% máis).

O seu programa estivo composto por 40 propostas que contaron con gran participación dos visitantes, os cales superaron os 18.700.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal