A Feira Internacional de Galicia ABANCA, presente en Xantar para promocionar varios dos seus certames

Silleda, 10 de novembro 2022.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA (FIGA) participa desde onte ata o vindeiro domingo na 23ª Feira Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, a cal se celebra no recinto Expourense (Ourense).

A entidade feiral está presente cun stand no que durante estes días se promocionará o seu salón alimentario Salimat Abanca e o seu certame turístico Turexpo Galicia, os cales terán lugar do 8 ao 11 de xuño de 2023, enmarcados na emblemática feira multisectorial Abanca Semana Verde de Galicia. Esta participación pretende dar continuidade á difusión destes certames, iniciada hai xa semanas tanto noutros eventos como a través doutras accións promocionais.

O Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, que chega á súa duodécima edición e incluirá a novena convocatoria da Feira de Festas de Interese Turístico (Festur), traballa xa na organización dunha cita que conxugará unha interesante área expositiva, un vistoso programa de actividades e a súa recoñecida Bolsa de Contratación Turística.

En canto ao Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, está inmerso na organización da súa 26ª edición para converterse de novo en punto de encontro alimentario e gastronómico a través dunha atractiva exposición na que a innovación terá un espazo propio con Alinova e unha completa programación na que destacarán os Encontros Internacionais de Compradores.

Un acordo renovado este ano


Esta participación da Feira Internacional de Galicia ABANCA (FIGA) en Xantar enmárcase nun convenio de colaboración que esta entidade feiral e a Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, iniciaron xa en 2017 e ratificaron o pasado mes de marzo.

O seu obxectivo é promover accións de cooperación que contribúan ao desenvolvemento do sector feiral na nosa comunidade, en sintonía co espírito da Asociación Galega de Feiras e Eventos (Agafe), e tamén, dunha maneira particular, ao fortalecemento destes dous recintos.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal