A feira AquaFuture Spain volverá celebrarse do 28 ao 30 de marzo de 2023 debido ao éxito da súa primeira edición

Silleda, 13 de outubro.- O Salón Internacional da Industria Acuícola, AquaFuture Spain, organizado por OK Eventos, celebrará a súa segunda convocatoria do 28 ao 30 de marzo de 2023 no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Aínda que o certame será bienal a partir de entón, desenvolverase o ano que vén cun dobre obxectivo. Por unha banda, para consolidar o certame tras o éxito acadado o pasado mes de marzo e converter así este encontro internacional para o sector acuícola en España nun referente. E, por outra banda, para atender a demanda tanto do sector acuícola en xeral como das empresas que non puideron participar na súa primeira convocatoria, o pasado mes de marzo, debido a que se esgotou o espazo dispoñible.

Entre os obxectivos para esta nova edición, a organización proponse que o evento conte na súa área expositiva coa práctica totalidade das empresas máis importantes do sector, ademais de con unha maior presenza institucional e de asociacións tanto de diferentes Comunidades como doutros países. Así mesmo, crearanse espazos de networking para posibilitar tamén un labor comercial xa programado con anterioridade.

Ademais, o certame contará de novo cun interesante programa de actividades que incluirá xornadas técnicas, presentacións e un espazo culinario.


Magníficos resultados na súa primeira cita

A primeira convocatoria de AquaFuture Spain, que tivo lugar na Feira Internacional de Galicia ABANCA do 23 ao 25 de marzo deste ano, obtivo excelentes resultados a todos os niveis.

En canto á súa exposición, o certame tivo que ser ampliado ata en catro ocasións para acoller na súa área expositiva a 143 empresas e entidades de 23 países. O 87% destas compañías confirmaron que participarán na vindeira edición, mentres que máis de 30 empresas que acudiron como visitantes mostraron á organización o seu interese en ser expositores nesta próxima cita.

Así mesmo, o público apoiou o salón durante os seus tres días de celebración, acadando os 2.400 visitantes, unha cifra alta tendo en conta que se trata de público totalmente profesional dun sector moi específico e que era a primeira convocatoria da feira.

 
© 2020 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención ao público: de luns a xoves de 9 a 14 e de 15 a 18 horas. Venres de 8 a 15 horas