AquaFuture Spain volverá en 2023 tras o éxito da súa primeira edición

Silleda, 25 de marzo de 2022.- O Salón Internacional da Industria Acuícola,  AquaFuture  Spain, organizado por OK Eventos, pechou esta tarde as portas dunha primeira edición que conseguiu un gran éxito a todos os niveis.

Se xa o certame tivo que ser ampliado ata en catro ocasiones para acoller na súa área expositiva a 152 empresas e entidades de 23 países, o público apoiou tamén o salón durante os seus tres días de celebración. Así, dende o pasado mércores ata hoxe pasaron polo recinto  Feira Internacional de Galicia ABANCA máis de 2.000 visitantes, unha cifra alta tendo en conta que se trata de público totalmente profesional dun sector moi específico, ademais de ser a primeira convocatoria da feira. Estes asistentes desprazáronse dende diferentes puntos de España, pero tamén doutros países, mesmo africanos, como Camerún, cuxa asociación de produtores acudiu ao salón polo seu interese en tecnoloxía acuícola.

En canto aos expositores, a inmensa maioría valoraron moi positivamente a feira, destacando que o perfil dos visitantes supuxo interesantes encontros de negocio e confirmando que volverán estar presentes na próxima cita.  A iso súmase que foron moitas as empresas do sector que visitaron a feira e se interesaron en participar na vindeira edición, ascendendo nestes momentos a 24 estas compañías que facilitaron xa o seu contacto á organización para poder estar presentes na seguinte  AquaFuture  Spain.

Unha vindeira edición que será en 2023 debido a estes bos resultados e a que así o demandaron tanto os expositores xa presentes como estas empresas que manifestaron a súa intención de selo no futuro. O obxectivo desta celebración o ano que vén é que o certame medre de forma notable, debido a estas boas expectativas, e que se consolide, permitindo que Galicia e España conten cunha feira de acuicultura que se coñeza en todo o mundo. Unha vez levada a cabo esa segunda edición valorarase se continúa sendo anual ou pasa a ser bienal

Obxectivos para 2023

Entre os obxectivos para esta nova edición, a organización proponse que o evento conte na súa área expositiva coa práctica totalidade das empresas máis importantes do sector, ademais de cunha maior presenza institucional e de asociacións tanto de diferentes Comunidades como doutros países. Ademais, crearanse espazos de networking para posibilitar tamén un labor comercial xa programado con anterioridade.

Unha proposta de gran interese

AquaFuture  Spain´22, que foi inaugurado o pasado mércores pola Conselleira  do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, mostrou o último no sector acuícola, con presenza de compañías de subministracións industriais, alimentación, procesamento, equipamento profesional,  hatcheries (criadeiros), tecnoloxía e desenvolvemento, software e informatización, produtores, asociacións, institucións públicas, publicacións ou formación.

A iso uniuse un interesante programa de actividades. Destacaron as mesas redondas celebradas na Sala de Conferencias Carmen Sarasquete, as cales abordaron a “Internacionalización e ferramentas de financiamento e investimento en Acuicultura”, “A clusterización como instrumento para o desenvolvemento competitivo e sostible da acuicultura”,  “Encamiñados cara á acuicultura 4.0”, “Optimizando os coidados das especies acuícolas: nutrición funcional e sostible como garantía de saúde e benestar”, “Perspectivas na produción do molusco” e “Novas tendencias e innovacións para unha produción acuícola segura e sostible”.

Tamén na Sala Abanca e a Sala Xacobeo leváronse a cabo un total de vinte e catro presentacións de empresas do sector, como as celebradas hoxe baixo os títulos “Casos de éxito de ciencia e innovación en beneficio dun sector acuícola sostible e máis competitivo”, “ ELOXIRAS®: tecnoloxía  electroquímica para o tratamento e reutilización de auga mariña e  salina en RAS”, "Enxeñería de fondeo en acuicultura", "Cumprimento ambiental na industria acuícola" ou “Mellora de alimentación  larvaria é a chave para reducir custos”

Este ambicioso programa completouse cun espazo culinario no que a través de distintos  showcookings se mostrou a aplicación de produtos acuícolas na cociña tradicional e moderna, como o  Mexillón de Galicia, Ameixas da OPP-89 Parquistas de Carril ou troitas.

 


 

 
© 2020 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención ao público: de luns a xoves de 9 a 14 e de 15 a 18 horas. Venres de 8 a 15 horas