As novas tecnoloxías protagonizan a asemblea da Asociación Europea de Mercados de Gando

Silleda, 12 de novembro de 2021.- O director da Fundación Semana Verde de Galicia e a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, asistiu onte en  Kilkenny (Irlanda) á asemblea xeral da Asociación Europea de Mercado de Gando (AEMB).

Durán, que é presidente da Asociación Nacional de Mercados de Gando (ASEMGA), acudiu en calidade de vicepresidente primeiro da AEMB, posto que ocupa dende decembro do pasado ano e que supón representación española a nivel europeo. Unha delegación que é de gran interese para os mercados de gando nacionais, tendo en canta ademais a relevancia da  AEMB. Exemplo diso é que esta Asociación colabora coa Unión Europea na redacción das normativas que afectan ao gando.

Durante a asemblea xeral, Durán estivo acompañado do secretario administrativo de  ASEMGA e coordinador da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, Julio Pérez. Ademais, acudiron delegados de Bélxica, Francia, Irlanda e Irlanda do Norte.

No seu transcurso abordouse a importancia de implementar novas tecnoloxías nos mercados, tanto para optimizar o seu funcionamento como para profesionalizar o sector. Así mesmo, analizáronse os datos deste ano 2021 en canto aos mercados que conforman a asociación, destacando que é un ano de recuperación xeral neste ámbito a nivel europeo, non só porque os datos dos mercados foron mellores que en 2020 senón porque nalgúns países superan os de 2019.

Visita ao mercado de  Kilkenny

Previamente á reunión, os participantes visitaron o mercado de gando de  Kilkenny. Aínda que conta cun sistema diferente tanto ao da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA como ao do resto de mercados nacionais, debido a que presentan os animais de forma individual nun ring para a súa poxa, si conta con similitudes respecto á Central Agropecuaria. Así, dispón dun completo sistema informatizado cun software e unha aplicación para poxar desde o teléfono móbil semellantes aos da Central, aínda que cun nivel de desenvolvemento maior, xa que o mercado de  Kilkenny é pioneiro na utilización desta aplicación coa que se pode poxar desde calquera parte do mundo debido a que mostra os animais. O 39% das súas poxas son en liña e os seus responsables destacan que o seu sistema permite aos usuarios poxar en varios mercados ao mesmo tempo e tamén que dende a súa implantación aumentou o número de animais asistentes e melloraron os prezos.

Unha visita que foi de gran interese para os responsables da Central, a cal puxo en marcha a principios deste ano a súa aplicación de poxas e segue traballando para incorporar novas utilidades, debido á súa gran potencialidade.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal