A feira Abanca Cimag-GandAgro reunirá de novo ao sector agropecuario do 2 ao 4 de marzo de 2023

Silleda, 28 de outubro de 2021.- A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca  Cimag-GandAgro, celebrarase do 2 ao 4 de marzo de 2023. Así o decidiu o seu Comité Organizador nunha reunión telemática mantida esta mañá.

Os participantes consideraron que é a mellor data para celebrar esta nova edición, xa que sitúa o certame nas súas datas habituais, as cales se corresponden co primeiro trimestre dos anos impares, e mantén así o seu espazo no calendario feiral do ámbito agrogandeiro. Así mesmo, mostraron o seu total apoio a esta cita e expresaron tanto a necesidade da celebración de feiras presenciais como as ganas do sector de acudir a estes eventos.

Por outra banda, no encontro tamén se abordaron outros aspectos relativos á organización do certame, de cara a comezar proximamente a súa comercialización.

A reunión estivo presidida polo director  xeral de  Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, Silvestre José Balseiros Guinarte, e contou con representación de numerosas entidades, empresas e cooperativas cun gran peso no sector, como son a Asociación Nacional de Maquinaria Agropecuaria, Forestal y de Espacios Verdes (ANSEMAT), Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (AGAFAC), Federación  Frisoa  Galega (FEFRIGA), Agrotec  Entrecanales, Aira, Aro  Agrarian  Technology,  Ausama,  Cipsa  Pecuaria,  Claas Ibérica,  Cogal  Sociedade Cooperativa  Galega,  Delaval Equipos, Gea  Farm  Technologies Ibérica, Grupo  Agroamb, Grupo Coren e  Nudesa, ademais da  Universidade de Santiago de Compostela e a entidade financeira ABANCA.

Boa evolución da feira


A última edición de Abanca Cimag-GandAgro celebrouse do 21 ao 23 de febreiro de 2019, non podendo levarse a cabo a de 2021 debido á pandemia. Esta última cita reflectiu a boa evolución do certame reunindo a 544 firmas expositoras (un 39% máis) de 32 países, das cales 188 foron expositores directos (un 13% máis) de seis países. A feira ocupou ademais unha superficie bruta de 25.500 metros cadrados e neta de 12.734 metros cadrados (un 25% máis).

O seu programa estivo composto por 40 propostas que contaron con gran participación dos visitantes, os cales superaron os 18.700. Unha cifra que aínda que foi lixeiramente menor supuxo unha corrección positiva do perfil dos asistentes ao acudir un tipo de público cada vez máis profesional.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal