Esta cifra é valorada moi positivamente pola organización, xa que o temporal que afectou a toda Galicia durante as dúas primeiras xornadas do parque fixo que a concorrencia fose case nula o primeiro día e se reducise de forma moi significativa o segundo día.
A estes bos resultados súmase un récord, xa que Silleda Park rexistrou o 29 de decembro a maior concorrencia nun só día, con 1.640 visitantes. Na súa última xornada volveu superar os 1.600 e outros tres días os 1.500.
En canto á orixe destes asistentes, volveron contabilizarse máis de 100 concellos diferentes das catro provincias galegas que de novo deixaron patente a tendencia do parque para acoller cada vez máis público tanto de fóra do municipio de Silleda como de moitas outras comarcas distintas á do Deza, á que pertence o concello silledense.
Un reforzo con éxito
Silleda Park reforzouse nesta quinta edición co obxectivo de conformar un parque aínda máis atractivo que en citas anteriores. Así, aumentáronse as súas propostas e ampliáronse algunhas áreas, como a súa gran zona gaming, que grazas á compañía R converteuse nunha área de videoxogos única no lecer do Nadal en Galicia. Apostouse tamén por incorporar novidades, como novas atraccións que non pararon de funcionar ou unha mostra de dinosauros.
Todo iso supuxo, ademais da gran asistencia ao parque, un rotundo éxito entre o público de todas as súas atraccións, zonas lúdicas, exposicións, espectáculos e talleres.