Comunicado da Fundación Semana Verde de Galicia sobre as feiras Abanca Semana Verde, Galiforest Abanca e o seu calendario de 2020

Silleda, 14 de abril de 2020.-  A Fundación Semana Verde de Galicia vén de decidir que a 43ª edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, prevista do 4 ao 7 de xuño, se traslade ao 2021, concretamente entre o 3 e o 6 de xuño. Esta decisión está motivada pola situación de alerta sanitaria xerada polo covid-19, que supón que non sexa convinte a súa celebración este ano por responsabilidade social e económica con todos os axentes que participan no certame, pero que servirá para centrar todos os esforzos en facer unha gran edición en 2021, un ano moi importante por ser Xacobeo e cumprirse o 25 aniversario do recinto, e tamén para continuar co importante crecemento das últimas edicións.
 
A análise da situación realizada pola Fundación, á que se sumou a opinión da inmensa  maioría de expositores confirmados, determinaron que o máis axeitado é non celebrar a feira en 2020 e preparar esta gran edición de 2021. A celebración da Semana Verde en xuño non é pertinente pola incerteza sobre a evolución a curto prazo da pandemia, pero levala a cabo noutras datas tampouco sería idóneo. Sendo unha feira cunha importante porcentaxe de expositores e actividades situados no exterior, non debería celebrarse máis tarde das primeiras semanas de outubro para minimizar o posible impacto negativo do clima. Pero moitas empresas non confían en que a evolución da pandemia poda facer que a sociedade recupere nesas datas a normalidade necesaria para celebrar un evento que contou con 128.000 visitantes en 2019, sendo previsible que os asistentes sexan nese momento reacios a acudir a un certame con este volume de visitantes. Así, consideran que a súa participación se vería comprometida e non tomarían en todo caso a decisión de participar ata o último momento, coas consecuencias que iso tería a nivel organizativo e económico para a feira.

Así mesmo, moitos dos expositores trasladaron á Fundación a súa inquedanza pola súa situación futura a corto e medio prazo, debido ás diferentes medidas derivadas do Estado de Alarma e as consecuencias que estas lles están ocasionando a nivel económico e laboral. Unha situación pola que indican que non poden garantir a súa presencia na feira si se celebrase neste exercicio e que, de facelo, minimizarían considerablemente a súa inversión.

Ademais, esta feira conta cunhas datas moi específicas nun calendario cada vez máis concorrido, o cal tamén é un dos segredos do seu éxito. Neste sentido, o seu traslado a unhas datas que non son as súas suporía entrar en competencia con grandes feiras de alimentación, turismo e caza que ou ben se trasladaron xa ao último cuadrimestre do ano ou que xa ocupaban estas datas. Isto traería consigo unha perda adicional de expositores que teñen comprometida a súa participación noutro certame nesas datas ou que non poden asumir estar presente en varios certames en tan pouco marxe de tempo por aspectos económico, loxísticos ou organizativos.

Este cambio de datas suporía tamén dificultades de comercialización e de organización das bolsas de contratación dos salóns Turexpo Galicia e Salimat Abanca.

Galiforest Abanca 2020

Por outra banda, a Fundación Semana Verde de Galicia, tamén decidiu aprazar o seu monográfico forestal Galiforest Abanca tras as conversas mantidas cos expositores xa confirmados para esta sexta edición e ante a mesma inquedanza provocada polo covid-19. A maioría destas empresas, coincidindo coa análise da Fundación, consideran que o máis oportuno é pospoñer esta cita, fixada inicialmente entre o 25 e o 27 de xuño. Así mesmo, manifestaron á organización que participarán nas novas data do certame, as cales se decidirán proximamente xunto co comité organizador e que probablemente serán entre os meses de setembro e outubro, ao realizarse no monte, en exterior.

A incerteza de cal será situación desta alerta sanitaria no mes de xuño é un motivo esencial neste aprazamento, ao que se suma a situación que están a vivir nestes momentos as empresas en canto a adaptarse ás medidas económicas e empresariais derivadas desta crise e tamén se engade a dificultade tanto para traer agora doutros países maquinaria que se exporía na feira como para a asistencia por parte de profesionais internacionais.

Enerxétika 2020

Por outra banda lembrar que a feira Enerxétika, prevista para o mes de marzo e posposta tamén debido ao covid-19, fixará novas datas co seu comité organizador tan pronto a situación relativa a esta crise sanitaria se normalice. Os expositores xa confirmados para esta terceira edición trasladaron tamén de forma xeneralizada á organización a intención de manter a súa participación nas novas datas

Outros eventos 2020

Por último, destacar que a Fundación Semana Verde de Galicia seguirá traballando para que todos os eventos previstos en 2020 se celebren no último cuadrimestre do ano, a excepción da feira Abanca Semana Verde.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal