Equina Galicia volverá superarse do 10 ao 12 de xullo con maior nivel de competición e unha proba única no norte de España

Silleda, 17 de abril de 2026.-  Equina Galicia celebrará a súa décimo segunda edición do 10 ao 12 de xullo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra). E farao volvendo superarse en canto ao nivel das súas competicións e á exclusividade da súa proposta, a cal incluirá seis concursos coas mellores ganderías e xinetes e tamén diversas actividades.

Organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, este evento terá como eixo principal o XII Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, o cal mantén para esta edición a categoría tres estrelas. Por quinto ano consecutivo a Real Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE) concedeulle o máximo nivel neste tipo de competicións, pola súa excelente evolución e o esforzo na súa organización, ademais de valorar novamente as infraestruturas destinadas ao concurso no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA. Levarase a cabo durante os tres días de Equina e será clasificatoria para a final do Campionato do Mundo, a cal se celebrará en Sevilla do 17 ao 22 de novembro, no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB). 

Doma clásica, nacional e proba única no norte

En canto a doma clásica, Equina Galicia 2026 contará con dúas importantes novidades. Por primeira vez celebrará un concurso nacional de Doma Clásica, con dúas estrelas da Real Federación Hípica Española, unha categoría que xa supón unha alta esixencia técnica. Ademais, estréase como marco dunha Copa ANCCE de Doma Clásica, tamén clasificatoria para SICAB, sendo a única no norte de España nestes momentos.

Nesta disciplina sumaranse a XXVII Copa Accega e o VIII Trofeo Xunta de Galicia – Medio Rural de Doma Clásica. 

Equitación de traballo, enganches e outras propostas

Equina Galicia 2026 suma aínda outras interesantes competicións, como a III Proba da Federación de Equitación de Traballo, modalidade centrada nas habilidades e destrezas do cabalo para o traballo co gando no campo, e tamén unha proba do Campionato Galego de Enganches.

Non faltarán o bautismo hípico, pensando especialmente para fomentar a equitación entre os nenos, nin algunha conferencia con temática de gran interese para o mundo do cabalo.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal