A Feira Internacional de Galicia ABANCA acolle de novo importantes competicións de beleza canina os días 31 de maio e 1 de xuño

Silleda, 16 de maio de 2025.- O recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá de novo tres importantes competicións de beleza canina organizadas pola Sociedade Canina Galega, as cales reúnen en cada edición a centos de exemplares de varios países.

O sábado 31 de maio levarase a cabo a 113ª Exposición Nacional Canina C.A.C, mentres que o domingo día 1 de xuño celebrarase a 114ª edición deste mesmo concurso e tamén a 51ª Exposición Internacional Canina C.A.C.I.B

Unha vez máis estas citas serán de máximo nivel, xa que as Exposicións representan a categoría máis alta dentro deste tipo de concursos. O seu obxectivo é buscar aos exemplares máis semellantes aos estándares da Federación Cinolóxica Internacional (FCI) e así recoñecer aos mellores exemplares para a cría.

As categorías destes concursos serán “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven”, “Intermedia”, “Aberta”, “Veterana”, “Traballo” e “Campións”. Ademais, todos os participantes poden competir en “Parellas” e “Grupo de Cría”.

Premiarase ao mellor can de cada raza en “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Novo” e “Adulto”, os cales irán á final do seu grupo. Hai once grupos dos que sairán outros tantos gañadores, un por grupo. Entre estes once gañadores elixiranse os mellores en “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven”, “Veterano” e “Razas Españolas”. O campión absoluto será o Best in Show da categoría de Adultos, a cuxas finais poderán optar tamén os cans con mellor puntuación das restantes categorías, excepto “Moi Cachorros” e “Cachorros”.

Nas Exposicións Nacionais os cans obterán puntos para o Campionato de España, mentres que na Internacional farano para o Campionato Internacional. Ademais, estas competicións puntúan para Mellor Can do Ano en Galicia dos Socios da Sociedade Canina Galega e serven para seleccionar aos que serán convidados á Gala TOP32, á que acoden os 32 cans que obtiveron máis méritos durante todo o ano anterior nas exposicións e concursos que celebra a entidade en Galicia.

O recinto, un referente para a beleza canina

A Feira Internacional de Galicia ABANCA será por quinta vez sede desta tripla cita da Sociedade Canina Galega que aglutina dúas competicións nacionais e unha internacional e que reúne a centos de cans de varios países. Un evento que se uniu en 2020 ao concurso nacional que esta mesma entidade organiza desde hai moitos anos no recinto coincidindo coa feira Abanca Semana Verde de Galicia. Así, o próximo 8 de xuño tamén se celebrará no marco deste certame o XVII Concurso Nacional Canino Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.

Probas de ADN


Por primeira vez este evento ofrece aos participantes que, aproveitando a súa presenza, poidan realizar probas de ADN aos seus animais, as cales desde o pasado 1 de xaneiro son obrigatorias para a acreditación de pedigrí.

O módico custo destas probas establécese en tres tramos. Se se realiza a un número entre un e tres cans é de 50€ cada un, entre catro e oito é de 45€ e máis de nove animais é de 42€.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal