Silleda, 28 de xullo de 2024.- Equina Galicia,2024, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, finalizou hoxe unha edición marcada por unha alta participación, un gran carácter internacional e a incorporación dunha nova proba que elevou o seu número de competicións a seis.
Este evento ecuestre, que celebraba o seu décimo aniversario, acolleu na Feira Internacional de Galicia ABANCA o X Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, tres probas de doma clásica, unha de Engaches e, por primeira vez, unha proba de Equitación de Traballo, puntuable para o Campionato de España e centrada nas habilidades e destrezas do cabalo para o traballo co gando no campo. Ademais, incluíu outras actividades, como foron un espectáculo ecuestre, bautismo hípico e dúas conferencias centradas en “Novidades do Libro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Española” e “EUnetHorse, mellora da resiliencia e o rendemento do sector equino”.
Na xornada de hoxe Equina completou o X Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, concurso morfofuncional que é o eixo central do evento e valora tanto a morfoloxía como os movementos. Presenciando os seus premios especiais estivo o xefe territorial da Consellería do Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo. Ademais, ao mediodía entregáronse os seus premios nun acto con presenza do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera; o xefe do Servizo de Gandería en Pontevedra da Xunta, Víctor Muñoz; o presidente de ANCCE, José Juan Morales; o subdirector do Libro Xenealóxico do PRE e director técnico do Programa de Mellora de ANCCE, Pedro J. Azor e o presidente de ACCEGA, Manuel Benavides; ademais doutros membros de ACCEGA e Marcos González, de Clun.
O Campión do concurso foi Belmonte Torreluna, da gandería Santos Pereira, de Ponte Caldelas (Pontevedra), mentres que a Campioa foi Nobleza Mater, da gandería Manuel Borges Esp, de Madrid. Como subcampións alzáronse, en machos, Lisonjero de Vida, da Yeguada Gran Vida, de León, e en femias Rociera de Vida, da gandería Villanueva Dacasa, de Arzúa (A Coruña).
En canto ao Campión e Campioa Xoven foron, respectivamente, Record Mater, da gandería Mater Christi, de Madrid, e Itala de Vida, da gandería Villanueva Dacasa. Como Subcampións Xóvenes alzáronse, en machos, Pampero Arenas, de Yeguada Cantalachina, de Sevilla, e en femias, Candela DN, de Yeguada Los Rasillos, de Sevilla.
O Campión Adulto de Mellores Movementos foi Lisonjero de Vida, da Yeguada Gran Vida, mentres que a Campioa foi Rociera de Vida, de Villanueva Dacasa. A Campioa Xoven de Mellores Movementos foi Helia de Centurión, da Yeguada Aqualia Esp, de Bélxica, mentres que o Subcampión foi Atlántico del Pas, da Yeguada del Pas, de Santander (Cantabria). En Funcionalidade o campión e subcampión foron, respectivamente, Lisonjero de Vida, de Yeguada Gran Vida; e Bienvenido SF, de Yeguada San Fernando, de Toledo.
Respecto a a Mellor Gandería, alzouse co título Gornazo, de Cantabria, sendo o Mellor Expositor Santos Pereira. O Mellor Xinete foi Diego González. Os Mellores Presentadores foron, en adultos, Martín Ortigueira, e en junior, Víctor Santos, Laura González e Martí Geli González.
En canto aos premios concedidos por ACCEGA neste concurso, o mellores poldro e poldra nacidos en Galicia foron, respectivamente, Sueño de Vida, de Yeguada San Fernando, de Toledo, pero nado en Arzúa, e Itala de Vida, de Villanueva Dacasa.
Nesta competición tres estrelas, a máxima categoría a nivel nacional concedida pola Real Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (ANCCE), participaron máis de noventa exemplares de 55 destacadas ganderías, a maior cifra do concurso ata o momento, as cales procedían non só da maioría de Comunidades Autónomas españolas, senón tamén doutros seis países, como son EE.UU, Nicaragua, Costa Rica, México, Italia e Bélxica. Uns datos que converten a esta cita nun dos tres campionatos de España con maior número de participantes e dótana dun gran carácter internacional. Clasificáronse os cinco primeiros de cada sección para a final do Campionato do Mundo, a cal se celebrará en novembro en Sevilla, no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española.
Enganches
Este mediodía celebrouse tamén a cuarta proba das seis que compoñen o Campionato Galego de Enganches, a cal estivo organizada polo Club de Enganches de Galicia, a Federación Hípica Galega e ACCEGA co obxectivo de dar visibilidade a esta disciplina pouco coñecida para que siga crecendo na Comunidade.
Esta competición, tamén puntuable para o Campionato de España ademais do galego, contou cunha decena de participantes de distintos puntos de Galicia con gran nivel, entre os que había campións e subcampións de España en dúas modalidades, ademais de participar tres das catro mulleres que compiten en Galicia como groom (auxiliar de cochero). Competiron en Limonera e Tronco, ambas consistentes en carruaxes de catro rodas, pero cun cabalo no primeiro caso e con dous no segundo, e tamén en Ponis, orientada a nenos e cunha carruaxe tirada por un poni.
Na categoría de Limonera, o gañador foi Carlos Castiñeira, de Ponte Caldelas e actual campión de España, mentres que o segundo posto foi para Chema Suárez, de Santiago de Compostela e o terceiro para Óscar Ferro, tamén de Santiago de Compostela.
En Tronco, o pódium estivo composto Carlos Otero (A Coruña), Óscar Ferro e Manuel Nistal, de Lalín (Pontevedra). En canto a Ponis, a primeira clasificada foi Sara Castiñeira, de Ponte Caldelas, e o segundo, Eric Suárez, de Santiago de Compostela.
Clasificacións Doma Clásica
Por outra banda, Equina Galicia celebrou onte tres competicións de doma clásica que a converteron na cita máis completa desta disciplina e que contaron con récord de participantes ao alcanzar os 60 binomios (cabalo e xinete ou amazona) de distintos puntos de España.
En canto ao VI Trofeo Xunta de Galicia-Medio Rural de Doma Clásica, o cal pretende fomentar as pequenas explotacións de cría de cabalos selectos para o deporte que xeren actividade no medio rural galego, os resultados foron os seguintes. O binomio vencedor en Rider 2A estivo composto por Mateo Gonzales con Galo Galicia, mentres que os tres primeiros en Rider 1A foron, de primeiro a terceiro, Carla Mosteiro con Flor de Vida, Ainoa González con Rumba e Rosana Pereira con Ubrique II. En Rider 1C obtivo o primeiro posto Sofía Brea con Fausto RY e o segundo Angela Moreira con Bermellón. En Alevíns Individual a primeira posición foi para Amaya Mensuro con Galo Galicia e a segunda para Giuliana González con Mora, mentres que en AP Galega a gañadora foi Eva Figueiras con Cremello.
En canto á XXVI Copa Accega, en poldros de 4 e 5 anos a primeira clasificada foi Nerea Lago con Hebreo de Alga e en cabalos de 6 anos ou máis o foi Mª José Mosteiro con Tarso. No Territorial de Doma Clásica, clasificatorio para o Campionato Galego de Doma Clásica, os resultados foron os seguintes. En Alevíns Equipos o pódium compuxérono, de primeiro a terceiro, María Otero con Rabino YM, Sofía Paz con Pequeño Poni e María Otero con Dejade, á vez que en Infantís Equipos o primeiro clasificado foi José Otero con Oreo YLC. En AP Preliminar a primeira posición foi para Rubén Fernández con Rubia e a segunda para Mía Pérez, tamén con Rubia. En canto a Rider 2A, a primeira clasificada foi Uxía Simón con Tentón, a segunda Noelia González con Bingo de Abajo e a terceira Ana Belén Domínguez con Zarcillo. En Rider 1Ao pódium conformárono Sofía Bauer con Arenal VI, Sofía Brea con Fausto RY e Yolanda Vázquez con Iris.
Respecto a Xuvenís 0* Equipos a primeira posición foi para Carolina Yumey con Rufo XI, mentres que en Xuvenís Equipos 1* os dous primeiros postos foron para Noa Bobillo con Ebanista SCS e Estela Aventureira con Aspirante. En Preliminar Poldros 4 anos o primeiro foi Alejandro Nande con Santana JB e o segundo Aitor Manso con Nube LXVI, en Preliminar poldros 5 anos a primeira clasificada foi Nerea Lago con Hebreo de Alga e en Preliminar Poldros de 6 anos foi Mª José Mosteiro con Tarso.
En Rider 3A a clasificación foi, de primeiro a terceiro, Mario Jiménez con Halcón RT, Nathalie Oubiña con Herodion e Noelia Costoya con Orfeas. Por último, en San Jorge a primeira posición foi para Mª José Mosteiro con Empaste AGS e a segunda para Emilio Iglesias con Flaming Star George.