Neste exercicio a previsión é que a Fundación acade a maior cifra de facturación da súa historia, con máis de 4,5 millóns de euros, un 51% máis do previsto para este ano, tras a celebración de 23 eventos maiores fronte aos 21 que tiveran lugar en 2022, dos cales 11 foron oposicións, ademais doutros 23 eventos menores e as sesións da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA.
Así mesmo, este ano acadáronse moi bos resultados en distintos eventos, como na Feira Internacional ABANCA Semana Verde de Galicia, que rexistrou a maior cifra de expositores dos últimos 16 anos e volveu superar os 100.000 visitantes, tal e como facía antes da pandemia do coronavirus, ou tamén nos certames ExpoBus –centrado no transporte de viaxeiros pos estrada- e Sedexpo –que aglutina os sectores de seguridade, defensa e emerxencias-. Estes últimos no só contabilizaron as súas maiores cifras de visitantes, senón que tiveron un maior carácter internacional.
Por outra banda, vén de reafirmarse o apoio de ABANCA á Fundación tanto na súa actividade como no patrocinio dos eventos relacionados co sector agrario, tal e como se fixo patente a semana pasada na sinatura do convenio que prolonga a colaboración das dúas entidades.
Tamén neste exercicio destacan de novo as cifras da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, que, a falta de sumar a facturación da sesión de hoxe, chegaba a semana pasada aos 32.984.709 euros, o que supón que na penúltima sesión do ano superaba xa amplamente os 32.430.068 euros que acadou en total no ano 2022, e, polo tanto, que rexistre a súa cifra récord de transaccións, con máis de 33 millóns.
Ano 2024, cunha nova cita
A maiores, na reunión de hoxe analizouse o orzamento previsto para 2024, o cal será de 3.309.590 euros, unhas contas que buscan manter a liña positiva lograda en 2023 pero que é moi prudente á espera de que se materialice a celebración de probas de acceso dos distintos departamentos da Xunta de Galicia, o cal é relevante nos presupostos da entidade feiral.
Na actividade da Fundación do vindeiro ano destacará, ademais da celebración de feiras e eventos xa consolidados, o debut dun novo certame, a I Feira de Servizos Municipais, ExpoMunicipal, que terá lugar no mes de abril.