Así, se o pasado mes de agosto, a oito meses para a súa celebración, anunciaba que contaba con máis do 80% do seu espazo reservado, o seu programa de actividades está tamén moi avanzado e medra ao nivel da súa exposición.
Esta programación, que se divide en tres espazos, está conformada xa por preto dunha vintena de conferencias, mesas redondas e presentacións de gran interese. En canto á área Conferencias Maxistrais, inclúe o relatorio inaugural do día 23 de marzo, “Presente e futuro da innovación acuícola”, e a de clausura o día 25 dese mes, “Enfrontando os retos do sector desde a cadea de valor en clave de sustentabilidade”.
O segundo destes espazos, Conversemos sobre Acuicultura, será un foro de diálogo e interacción entre os axentes da cadea de valor para abordar de forma conxunta os retos do sector. Está composta por seis mesas redondas que se emitirán en streaming a nivel internacional, as cales abordarán temáticas relacionadas coa sustentabilidade, cooperación, internacionalización, saúde e benestar animal, novos ingredientes, produción e acuicultura 4.0.
O programa completarase co Espazo para Profesionais, no cal se realizarán presentacións por parte de profesionais do sector que desexan visibilizar algún produto ou servizo que sacasen ao mercado ou dar a coñecer algunha investigación nova. Aínda que o programa non está pechado, xa hai moitas empresas que confirmaron a súa participación. Así, o primeiro día de feira realizaranse presentacións de HIPRA, empresa colaboradora de AquaFuture Spain, e tamén de HUMECO & IMV TECHNOLOGIES, contando as desta última cos títulos “Ultrasón como ferramenta para o seguimento reprodutivo en distintas especies”, “Optimizando a calidade do seme de peixes” e “Criopreservación automatizada de seme para acuicultura”
Na segunda xornada do certame están previstas as presentacións “Avances na produción de semente de bivalvos: Proxecto Ecopemer”, da firma ACUINUGA – Acuicultura e Nutrición de Galicia; “Calidade da auga como factor clave na bioseguridade en acuicultura”, de OX-CTA; “Produción, Nutrición e Saúde no cultivo de Seriola dumerili”, de DIBAQ AQUACULTURE; e tamén unha presentación da empresa TECNOVIT FARM Faes. Xa o venres está programada "Enxeñería de fondeo en acuicultura", de AEX- ROUP
AquaFuture, unha oportunidade
AquaFuture Spain´22 segue tamén traballando na súa área expositiva, a cal supera xa amplamente o centenar de empresas, procedentes de 18 países tanto de Europa como de Asia, Latinoamérica, América do Norte ou Sudáfrica.
Todas elas celebran a posta en marcha desta feira, que será a primeira de acuicultura que se leva a cabo en España desde o ano 2010, destacándoa algunhas delas como “unha gran oportunidade para establecer relacións con outras empresas do sector, dar o noso traballo a coñecer e tamén os nosos produtos”, incidindo en que os “congresos técnicos son a mellor forma de aprender a interrelacionarse no sector” e convencidos de que “vai ser unha plataforma e lugar de encontro para todos os especialistas de acuicultura do mundo”
Sen dúbida, AquaFuture Spain´22, que conta coa empresa Morenot como patrocinador oficial e Hipra, Abanca, Acuiplús e Grupo JJChicolino como colaboradores, será un punto de referencia para que os profesionais do sector acuícola internacional coñezan as últimas innovacións tecnolóxicas e estratexias do mercado, sempre baixo o enfoque da xestión sostible dos recursos.