O certame, previsto inicialmente do 26 ao 28 de marzo deste ano, tivo que ser aprazado sen data debido á crise sanitaria xerada pola COVID-19. Agora, as importantes empresa e entidades do sector que forman parte do seu comité organizador, mostraron o seu apoio por unanimidade a celebrar esta terceira edición en 2021. Neste sentido consideraron que o vindeiro ano perfílase como o máis indicado para a súa celebración, xa que será de gran importancia para o sector debido a que a transición enerxética está a acelerarse enormemente, coas consecuentes innovacións tecnolóxicas, cambios regulatorios e tramitacións de proxectos que farán que a feira sexa un foro idóneo no mellor momento posible. Así mesmo, será un ano de gran relevancia para Galicia pola celebración do Xacobeo 2021, o cal tamén influirá na feira.
Ademais de fixar as datas de Enerxétika, o comité organizador determinou que, dada a nova realidade que vivimos, é importante para o evento complementar o seu carácter presencial coa posibilidade de acceder a parte do seu contido tamén de forma online. Un aspecto que se irá implementando nos vindeiros meses por parte da organización.
Para esta toma de decisións, o comité organizador da feira levou a cabo en días pasados unha reunión por videoconferencia, na que participaron representantes dunha vintena de empresas e colectivos de gran relevancia no sector da enerxía, os cales estiveron acompañados polo director xeral de Planificación Estratéxica e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Ángel Bernardo Tahoces, quen preside o comité, e polo director do Departamento de Enerxía e Planificación Estratéxica do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Emérito Freire Sambade. Posteriormente a este encontro o equipo da Feira Internacional de Galicia ABANCA mantivo conversacións cos membros do comité para concluír estes aspectos organizativos.
Cita de interese con gran progresión
O momento no que se atopa o sector da enerxía converterá a Enerxétika nunha cita con gran interese, o que se suma á xa notable evolución deste certame, que na súa pasada edición se converteu nun espazo de referencia e que para as datas de marzo contaba con magníficas perspectivas.
Naquel momento, antes do seu aprazamento debido á COVID-19, estaban interesados en participar un 24% máis de expositores, tendo por diante aínda varias semanas de comercialización, e o evento ampliábase a un segundo pavillón polo incremento da superficie. Con estas novas datas de 2021 o obxectivo é mellorar aínda máis estas cifras.