Expoferr 2018 preséntase na Feira Internacional de Galicia ABANCA con importantes novidades


Silleda, 26.4.2018.- A II Feira Profesional de Subministración e Ferraxería Industrial, Protección Laboral e Maquinaria, Expoferr 2018, celebrarase os días 29 e 30 de xuño na Feira Internacional de Galicia ABANCA, recinto que acollerá por primeira vez este certame.

O evento foi presentado esta mañá nas instalacións da entidade feiral polo seu director, Santiago Souza, quen a definiu como a única feira profesional de subministración e ferraxería industrial, protección laboral e maquinaria do noroeste peninsular, ademais de destacar o “salto cualitativo” dado polo certame este ano ao aumentar considerablemente o número de empresas e triplicar exposición. Así mesmo, fixo fincapé en que os fabricantes, totalmente volcados no evento, presentarán novidades e farán demostracións en vivo, ao tempo que indicou que no marco do salón se informará a fabricantes, importadores e usuarios finais do alcance que terá o regulamento sobre EPIs (equipos de protección individual) que entrou en vigor recentemente.

Tamén participou María Campos, responsable de organización do evento, quen destacou que Expoferr 2018 é “unha feira para todos os profesionais”, tamén para os de ámbitos que poden non relacionarse coa subministración industrial, como o sector primario e servizos, os cales tamén precisan de equipamento, EPIs ou roupa de traballo. Ademais, informou de que a páxina web do certame estará activa a partir de mañá, podéndose ver nela toda a información desta edición, incluído o listado de fabricantes, e inscribirse como visitante.

Por outra banda, estivo presente Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia, quen salientou a presentación “dun evento de corte feiral” pertencente a un sector que non se estaba traballando e que ademais é un exemplo de evento con organización externa que ao medrar escolle o recinto para “aproveitar a súas fortalezas”. Así mesmo, destacouno como outra das grandes citas de 2018, no que hai un “boom de eventos” que coloca á entidade feiral “no bo camiño para recoller o sementado dende fai anos”, poñendo como exemplo que Expoferr coincidirá en datas coa feira Galiforest Abanca, da que é organizadora.

Máis de 200 marcas

Expoferr 2018 conta nesta segunda edición coa presenza de 65 fabricantes nacionais e internacionais que representan a 220 marcas, as cales ocuparán unha superficie de 2.700 metros cadrados. Unhas cifras practicamente pechadas, aínda que se están a realizar as últimas xestións comerciais, que respecto á pasada edición case duplican o número de expositores e triplican a superficie expositiva, xa que entón estiveran presentes 120 firmas representadas por 35 fabricantes que ocupaban un espazo de 1.000 metros cadrados.

Estes expositores son empresas con gran prestixio e traxectoria que acoden á feira co obxectivo de mellorar o vínculo fabricante-usuario final. Conformarán  para isto unha ampla mostra en ferramenta de man e de corte, abrasivos, tornillería, soldadura, manutención, químicos, ferramenta eléctrica e pneumática, elevación e mantemento, andel e almacenaxe, protección laboral e vestiario de traballo.

Os asistentes a Expoferr 2018, nos que teñen cabida profesionais de todos os sectores do tecido empresarial galego, autónomos e tamén usuarios finais, poderán entrar de forma gratuíta, se ben será necesario dispor dunha invitación. Esta seralles enviada de forma instantánea unha vez realicen a súa inscrición como visitantes na páxina web da feira, www.expoferr.es.

O horario será ambos os días de 10.00 h a 19.00 horas e tanto expositores como visitantes contarán cun servizo de catering permanente e gratuíto.

As demostracións, grandes protagonistas

Nesta ampla exposición terán gran importancia as demostracións de produto, as cales serán as grandes protagonistas de Expoferr 2018 grazas ao amplo espazo do que disporá o evento no pavillón 1 da Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Estas exhibicións, nas que os fabricantes mostrarán o funcionamento do produto ou o poñerán a proba, están pensada, segundo o director do evento, Santiago Souza, para que o visitante “vexa, toque e probe os produtos” ademais de que expoña as súas dúbidas sobre os mesmos aos fabricantes.

As demostracións e presentacións, continuadas durante as dúas xornadas, terán lugar tanto nos stands dos expositores como en áreas específicas acondicionadas para tal fin.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal