Silleda, 1 de setembro de 2023.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia xa fixou as súas datas para 2024. Será do 30 de maio ao 2 de xuño cando celebre a súa 46ª edición, coa que pretende converterse unha vez máis no gran certame multisectorial de comercio e lecer do noroeste peninsular.
Para iso traballa xa o seu equipo, o cal está inmerso tanto na organización como na promoción do evento, o cal seguirá apostando por unha fórmula que conta ano tras ano co respaldo de expositores e público. Así, negocio e lecer conxugarase nunha cita que reforzará a diversidade que a caracteriza e sorprenderá con novas propostas.
O XXVII Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca; o XIII Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, a X Feira de Festas de Interese Turístico, Festur, e tamén a X Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap Abanca, uniranse a moitos outros sectores que irán dende gandería, bioenerxía, pequena maquinaria, xardinería ou ferramenta ata mobiliario, decoración ou artesanía, ademais de moitos outros produtos e servizos.
En canto ao seu programa, volverá incluír actividades para profesionais e público xeral, sumando novidades a propostas xa clásicas na feira que contan cunha excelente acollida en todas as edicións.
Unha feira que segue superándose
A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia é xa unha cita consolidada, grazas ao seu empeño en ofrecer aos expositores unha efectiva ferramenta de negocio e aos visitantes un evento á altura das súas expectativas.
Así, o pasado mes de xuño reuniu a 740 expositores directos de 10 países, a mellor cifra dos últimos 16 anos, entre os cales foron estranxeiros un 34% máis, á vez que as súas actividades superaron as 200. A súa afluencia foi de 102.689 visitantes.
Para 2024 a organización ten como obxectivo aumentar tanto o seu número de expositores como de compradores e operadores turísticos participantes nas súas mesas de negocio, así como manter o gran respaldo do público.