A Fundación Semana Verde de Galicia acada excelentes resultados nos seus eventos no primeiro semestre do ano

Silleda, 27 de xuño de 2023.- A Fundación Semana Verde de Galicia celebrou esta mañá no recinto feiral a reunión do seu Padroado, a cal estivo presidida pola secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Elena Muñoz, en calidade de vicepresidenta do Padroado.

No encontro aprobáronse as contas do ano 2022, cun equilibro técnico das mesmas, e tamén se fixo balance da actividade destes primeiros seis meses do ano. Un período no que tiveron lugar 9 eventos maiores e 11 menores aos que acudiron máis de 165.000 visitantes, ademais de 24 sesións da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA.

Respecto a estas citas, son destacables os seus excelentes resultados. Así, a feira Abanca Semana Verde de Galicia conseguiu un gran éxito, coas maiores cifras de expositores do últimos dezaseis anos, un 34% máis de empresas estranxeiras e 102.689 visitantes, mentres que o certame agrogandeiro Abanca Cimag-GandAgro incrementou a súa afluencia de visitantes. Ademais, os eventos de organizadores externos Expoferr e AquaFuture Spain creceron de forma significativa en todos os seus parámetros, sendo reseñable tanto o crecemento de visitantes nun 79% no primeiro deles como a presenza dun 35% de empresas internacionais no segundo.

Estes bos resultados replícanse na Central Agropecuaria de Galicia ABANCA. Así, as cifras son considerablemente máis altas que no mesmo período de 2022. Ata a poxa da semana pasada, concorreran 24.373 animais, un 8,25% máis que na mesma data do ano pasado, cando se rexistraban 22.516 reses. En canto a transaccións, ata a sesión do 20 de xuño ascendían a 16.879.393€, un 19,6% máis que as rexistradas a estas alturas o ano pasado, cando eran de 14.106.043€.

Importantes citas no segundo semestre

No calendario da Fundación Semana Verde de Galicia están fixadas xa diversas citas de aquí ata finais de ano, caso de ExpoBus Iberia e Sedexpo, dúas destacadas feiras que terán lugar en novembro, ou a party informática XGN R Encounter, que se levará a cabo en outubro. Tamén acollerá eventos realizados por outras entidades, como as Exposicións Nacional e Internacional Canina e Equina no mes de xullo ou o Campionato Galego de Formación Profesional, GaliciaSkills 2023, en outubro.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal