Diego Calvo inaugura unha Abanca Semana Verde con récord de expositores e superficie nos seus salóns de turismo e alimentación

Silleda, 1 de xuño de 2022.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia abre mañá as portas da súa 44ª edición, unha cita que será inaugurada polo Vicepresidente Segundo e Conselleiro de Presidencia,  Xustiza e Deportes, Diego Calvo,  ás 13.00 horas.

Tras celebrar unha edición especial en setembro do ano pasado co obxectivo de contribuír á reactivación económica, este gran certame  mutisectorial recupera as cifras e o atractivo que a caracterizan, e que a converteron nunha cita de referencia. Así, os seus salóns de alimentación e turismo alcanzan nesta cita récords tanto no número de expositores como en superficie.

En canto ao Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca), conta cun 9,3% máis de expositores e case un 1% máis espazo que na súa maior edición, a de 2019, mentres que en Turexpo Galicia os expositores aumentan un 9% e a superficie un 23,4% respecto á súa mellor cita, tamén a de 2019.

En canto ás cifras totais do certame, estarán presentes 693 expositores directos de 9 países, aos que se suman 267 firmas representadas, as cales xunto ás empresas presentes directamente proceden de 24 países. Estes expositores ocupan 15.916 metros cadrados netos, que sumados aos ocupados polas actividades ascende a 75.559 metros cadrados. Unha superficie na que se inclúe unha gran carpa de 2.000 metros cadrados que o certame tivo que instalar de forma anexa ao pavillón 2 para responder á alta demanda das empresas deste espazo, tal e como xa o fixo en 2019.

A feira destacará unha vez máis pola súa diversidade, xa que ademais dos certames paralelos, centrados en alimentación, turismo, caza, pesca e natureza, contará con numerosos sectores que van desde gandería, bioenerxía e pequena maquinaria ata mobiliario e artesanía, ademais de moitos outros produtos e servizos. Un atractivo que se traslada tamén ao seu amplo programa de actividades, entre as que haberá tanto propostas para profesionais como para público xeral.

Nesta edición o público poderá acceder de forma gratuíta por duodécimo ano consecutivo. Só se abonará o aparcadoiro, cun módico prezo de 3€ destinado un ano máis a incrementar a calidade do programa de actividades.

Certames paralelos e 200 actividades


O salón de alimentación  Salimat Abanca será un ano máis un importante espazo de negocio no que cada vez teñen máis presencia as institucións públicas doutras comunidades. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto  Galego de Promoción Económica (Igape), permitirán ás empresas reunirse con 28 importadores e distribuidores de 17 países. A súa área  Alinova incluirá 80 innovacións, mentres que no seu programa haberá numerosas catas,  masterclass e  showcookings con televisivos chefs como  Xoanqui  Ameixeiras ou Iván Mariñas, finalista de  Masterchef 8. Tamén incluirá talleres, o segundo concurso de tortilla española ou o Encontro  Gastroblogger.

Turexpo Galicia e  Festur, que se celebran co respaldo da  Axencia Turismo de Galicia, contarán coa presenza de empresas e entidades do sector turístico, entre os que destacan as novas participacións con Xordania como país invitado, e tamén 34  concellos que promocionarán 44 festas galegas de interese turístico. Na súa vertente profesional inclúese o V Encontro de  Bloggers de Turismo e destacará a Bolsa de Contratación Turística, con 35 operadores turísticos de 11 países.

En canto a  Fecap Abanca, que conta co apoio da Dirección  Xeral de Patrimonio Natural, ofrece de novo un interesante programa, co I Concurso Monográfico do Club Español do  Grifón  Nivernés, a II Presentación de Cans de Caza ou exhibicións de cetrería. A Dirección  Xeral organizará diversas actividades relacionadas coa natureza.

As actividades caninas e ecuestres volven ser outro dos atractivos do programa desta edición, podendo gozar no caso das primeiras con propostas como a IX Proba da liga Autonómica de  Agility e tamén a II Copa Federación Abanca Semana Verde de Galicia desta modalidade, propostas do Can de  Palleiro, o Concurso Nacional Canino de beleza ou unha exhibición da Unidad  Cinológica del Tercio Norte de Infantería de Mariña. Nas ecuestres destacará o VIII Galician  Championship E.C.A.H.O Internacional  C de cabalos árabes, que será o único morfolóxico con categoría internacional que se celebra este ano en España,  o taller sobre “Coidado e  ferraxe do pé do cabalo” ou o Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza  Galega.

Na área de gandería destacarán as razas autóctonas de Galicia, con exposicións tanto de Rubia  Galega e de Galiña Piñeira como das razas en perigo de extinción, realizando estas últimas os seus concursos morfolóxicos e tamén o II Concurso Nacional de Manexo da Raza  Porco Celta. Así mesmo, poderanse ver impresionantes  bois das razas  Minhota,  Barroça e  Maronesa e unha exhibición de tiro con carro tradicional galego, ademais de poder asistir a conferencias centradas na avespa velutina, as razas autóctonas e o sector porcino.

O programa completarase con outras propostas lúdicas de gran de interese, como shows de trial a cargo de dous pilotos con récords  Guinness; unha exposición de dinosauros  animatronics, a VII Carreira Popular, o III Open de Xadrez, realización de esculturas con motoserra ou unha experiencia virtual inmersiva nunha granxa.

En total serán máis 200 actividades distintas, as cales conformarán un programa para todos os públicos.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal