A Xunta e Abanca prolongan a súa colaboración no patrocinio da Fundación Semana Verde de Galicia ata 2025

 

Silleda, 14 de decembro de 2023.- A Xunta e Abanca prolongan a súa colaboración no patrocinio da Fundación Semana Verde de Galicia ata 2025. Así se establece no acordo asinado hoxe polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, en calidade de presidente da Fundación, e o conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas. O acto contou coa presenza do director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán.
Segundo o acordo, a entidade apoiará a actividade da fundación ao longo dos tres anos e manterase como patrocinador oficial da Semana Verde e demais eventos relacionados co sector agrario que se celebren no recinto feiral de Silleda. ABANCA seguirá sendo tamén patrocinador relevante no resto de actos integrados no calendario do parque de exposicións.

 

Pola súa banda, a Fundación Semana Verde de Galicia, ademais de garantir a visibilidade deste patrocinio e a notoriedade de ABANCA nos seus eventos, asumirá a xestión e produción dos expositores da entidade bancaria na feira Expobiomasa, en Valladolid, e na Feira Internacional da Maquinaria Agrícola, en Zaragoza.

A sinatura de hoxe supón a segunda renovación dun acordo formalizado en 2015 no marco da aposta da Xunta pola actividade feiral da Fundación Semana Verde de Galicia da man de grandes firmas como ABANCA. A frutífera colaboración destes oito anos deu como resultado esta nova prórroga, coa que se quere seguir afianzando o carácter estratéxico do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA na organización de grandes eventos profesionais e, en especial, dos relacionados co sector agrario e gandeiro. 

Coa renovación desta colaboración estratéxica, ABANCA dá un novo impulso a un convenio que en 2015 se converteu nun dos primeiros grandes patrocinios tras o lanzamento do banco. A entidade financeira ratifica o seu compromiso co sector agrogandeiro galego, ao que se lle ofrece unha resposta á medida a través dos xestores e produtos especializados da súa unidade ABANCA Agro. Ante os desafíos que afronta o sector rural en Galicia, ABANCA ofrece solucións adaptadas tamén grazas á elevada capilaridade da súa rede comercial. ABANCA é a única entidade financeira que mantén os servizos en 175 municipios galegos.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal