Un milleiro de alumnos participará na fase zonal Terra do Deza de Campo a Través en Idade Escolar, que terá lugar mañá

Silleda, 12 de xaneiro de 2022.- A fase zonal Terra do Deza de Campo a Través en Idade Escolar, organizada polo servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra e a Agrupación Deportiva Escolar O Pino, celebrarase mañá venres na Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Este evento deportivo, fixado inicialmente para o 18 de novembro do ano pasado, tivera que ser adiado debido ás condicións meteorolóxicas previstas para ese día. A proba fora presentada ese mesmo mes no recinto por Daniel Benavides, xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, quen estivera acompañado por Ricardo Durán, director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, e por representantes da Agrupación Deportiva Escolar O Pino.

A fase zonal Terra do Deza de Campo a Través, coa que se pretende fomentar a actividade física e a relación entre os rapaces da zona, contará coa participación dun milleiro de alumnos e alumnas de primaria e secundaria de doce centros educativos da comarca. Estes son o CPR Plurilingüe María Inmaculada, o IES Pintor Colmeiro e o CEIP Plurilingüe, de Silleda; o CEIP Ramón de Valenzuela, de Bandeira; o CPI  Plurilingüe de Rodeiro, o CEIP Nosa Señora da Piedade e o CEIP Cerdeiriñas, de Vila de Cruces; o CEIP Plurilingüe Vicente Arias de la Maza, de Vilatuxe;  e o IES Laxeiro, o CEIP Plurilingüe Varela Buxán, o CEIP Manuel Rivero, e o IES Aller Ulloa, de Lalín

Esta competición, que é clasificatoria para o Campionato Provincial de Campo a Través, incluirá categoría benxamín (2º e 3º de primaria), no cal corren 450 metros; alevín (4º e 5º de primaria), con distancias de 900 metros; infantil (6º de primaria e primeiro de ESO), correndo 1.350 metros; e cadete (2º e 3º de ESO), cunha distancia de 1.800.

O cross comezará no ring do recinto ás 10.25 horas e rematará sobre as 12.30 horas, cando se fará a entrega de medallas. Os cinco primeiros postos de cada unha das carreiras clasificaranse para o campionato provincial individual, mentres que a mellor clase de cada un dos cursos, clasificarase para o provincial de centros escolares.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal