Silleda, 3 de outubro de 2024.- A cuarta edición da Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia, celebrarase do 20 ao 22 de novembro de 2025. Así o decidiu esta mañá o seu Comité Organizador nun encontro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra) no que participaron representantes de empresas líderes no sector, tanto fabricantes como de transporte de viaxeiros, e tamén de destacadas asociacións.
A reunión estivo presidida pola directora xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Judit Fontela, quen se puxo ao dispor tanto da entidade feiral como do sector para colaborar na organización do certame, na súa consolidación a nivel nacional e tamén no seu posicionamento a nivel europeo.
Ademais de analizar as mellores datas para a celebración desta nova convocatoria segundo o calendario feiral e as necesidades dos axentes implicados, tamén se abordaron outros aspectos cos que a organización comezará xa a traballar para que esta nova cita volva ser un éxito.
Un certame con excelentes resultados
Os asistentes ao encontro destacaron a pasada convocatoria como unha experiencia moi positiva e con magníficos resultados, á vez que mostraron o seu completo apoio a esta nova edición de ExpoBus Iberia.
Un respaldo que é esencial para manter a súa condición de segunda maior feira do sector a nivel nacional e para continuar coa boa evolución do certame, o cal contou na súa cita de 2023 con 130 firmas de 18 países, as cales estiveron representadas por 63 expositores directos de España, Portugal, Polonia, Países Baixos, Irlanda e Australia. Unhas cifras que dotaron ao certame de maior carácter internacional, xa que estes expositores directos procedían do dobre de países que na pasada cita e supoñían un 133% máis que entón.
En canto ao número de visitantes, rexistrou 2.048 profesionais, un 8,8% máis que na anterior convocatoria. Unha afluencia moi relevante tendo en conta a especificidade do sector e o carácter altamente técnico da feira.