Silleda, 30 de decembro de 2024.- A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, que segue mantendo a súa condición de única poxa informatizada de España, pechou hoxe o ano. Aínda que a última sesión completa levouse a cabo o pasado 17 de decembro, esta mañá celebrouse unha sesión especial centrada soamente na categoría de becerros carniceiros para asegurar o abastecemento en datas do Nadal.
Así, unha vez celebrada a poxa de hoxe, o balance da Central en 2024 sitúase nunha asistencia de 53.732 animais no conxunto das súas poxas e unhas transaccións de 39.625.775€. Deste xeito, a concorrencia total ás súas poxas supuxo un 6,17% máis que o ano pasado, cando acudiran 50.610 reses nas súas categorías de vacún maior, becerros de recría e becerros carniceiros, ademais de representar a mellor cifra desde o ano 2009, cando se rexistraron 56.019 exemplares. En canto á facturación, aumenta un 17,49% respecto a 2023, cando fora de 33.728.228€, e convértese en récord absoluto de transaccións anuais na Central.
Un crecemento que é máis significativo tendo en conta que este ano respecto ao habitual non se levaron a cabo dúas poxas de becerros de recría e outras dúas poxas completas, debido a un acordo cos principais operadores de gando da Central, os cales expresaron a necesidade de regularizar os días de compra de gando para mellorar a súa operatividade e tamén a lóxica de non celebrar aquelas sesións nas que xa era histórica a asistencia reducida ao mercado en datas próximas a festividades de relevancia.
Por categorías, nos becerros de recría concorreron 33.124 animais, un 7,12% máis que o ano pasado, cando foran 30.921. Un crecemento que se debe a dous factores. Por unha banda, a que continúa aumentado a valoración da Central como mercado para dar saída aos becerros de entre 3 e 5 meses, os chamados “pasteiros”, os cales se incrementaron na poxa pola boa venda que están a ter. Por outro, as boas cotizacións que están a alcanzar estes animais na Central debido á necesidade deste tipo de animais por parte dos cebadoiros, que, ante a gran saída de becerros carniceiros para os países do Magreb, necesitan animais de reposición e mesmo para aumentar a capacidade do cebadoiro e así dar resposta a esta demanda.
É por este último factor polo que as transaccións nesta categoría aumentaron considerablemente, ascendendo a 11.251.491€, un 36,42% máis que en 2023, ano en que chegaron a 8.247.977€. Respecto a os seus prezos medios, en frisón soben un 32% respecto a 2023 (de 112€/unidade a 147€/unidade), en cruces aumentan un 19% (de 347€ a 413€) e en rubios soben un 21,4% (de 480€ a 583€).
En vacún maior, rexistráronse durante 2024 un total de 14.448 exemplares, un 5,8% máis que o ano pasado, cando foran 13.657. Un ascenso que podería ser maior, xa que a incidencia da febre hemorráxica e as restricións respecto diso frearon a asistencia ao mercado nalgúns momentos do ano, pero que foi notable tanto pola confianza que o sector ten na Central como pola gran demanda que segue existindo en restauración e hostalería de carnes maduradas, que son, cada vez máis, do gusto do consumidor final.
A facturación desta categoría foi un 12,8% maior, ao pasar dos 19.669.690€ de entón aos 22.189.514€ de agora. Un importante incremento que vén dado tanto pola xa referida gran demanda da restauración como pola selección que se fai na Central desde hai anos xunto cos servizos veterinarios, apostando por que os animais de calidades inferiores non pasen polo mercado e vaian directamente ao matadoiro, evitando así a estes animais de maior idade traxectos que inflúen no seu benestar, e conseguindo tamén eliminar reses de mala calidade en favor das de mellores categorías, co consecuente aumento do prezo medio na categoría.
Este prezo medio foi precisamente un 7,5% maior que en 2023, ao pasar dos 1.544€ de entón aos 1.661€ deste ano. Por categorías, o único prezo medio que descende é o de Desfeiro, que baixou un 12,8%, reflexo da mencionada aposta da Central e os servizos veterinarios.
Respecto a os becerros carniceiros, a súa asistencia situouse en 6.160, un 2,12% máis que en 2023, cando se rexistraron 6.032 reses. Uns datos que reflicten o crecente interese dos gandeiros en acudir á Central para a venda dos seus animais ante as boas cotizacións que alcanzan, especialmente en determinadas sesións na que hai gran demanda, para as que preparan lotes, e concretamente este ano pola escaseza deste tipo de animais para consumo ante a alta exportación a países de Magreb xa comentada.
Esta última circunstancia de escaseza de becerros carniceiros, que supuxo este ano a consecución na Central de varios récords históricos nos prezos medios da categoría, tivo como reflicto un aumento nas súas transaccións dun 6,44% respecto a 2023, aumentando dos 5.810.561€ a 6.184.770€. O prezo medio no conxunto da categoría no mercado aumentou un 6,34% (de 1.058€/unidade a 1.125€/unidade), mentres que por categorías os frisóns rexistraron un prezo medio de 789€/unidade, un 15,69% máis que en 2023 (cando fora de 682€/unidade); os cruces situáronse en 1.082€, un 5,66% máis que o ano pasado (situábanse en 1.024€) e os rubios en 1.177€, un 3,92% máis (o pasado exercicio era de 1.132€)
Un ano de récords
Ademais de alcanzar a maior facturación anual da súa historia, este ano a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA superouse en numerosas sesións, tanto no conxunto das poxas como en diferentes categorías. Ademais, nalgúns casos bateuse o récord nun mesmo parámetro en varias ocasións ao longo do ano.
Así, na última sesión completa do ano, a do 17 de decembro, rexistráronse récords históricos tanto en asistencia de animais nunha sesión, con 1.895 exemplares (ata entón estaba nos 1.730 animais dunha sesión de 2006) como en transaccións, con 1.341.387€ (superaba así o 1.100.758€ do 10 de decembro e, por tanto, a súa marca por segunda semana consecutiva).
Por categoría tamén se conseguiron marcas absolutas en concorrencia de becerros de recría, con 1.274 animais, e en becerros carniceiros, con 306. Ademais, foi récord en máis dunha ocasión ao longo do ano a facturación dos becerros de recría nunha sesión, situándose o 17 de decembro en 503.556€, e tamén a de becerros carniceiros, establecéndose ata o de agora nos 337.108€, tamén do 17 de decembro.
En canto a prezos medios, tamén se lograron marcas que se superaron en máis dunha ocasión. Así, en becerros de recría bateuse varias veces ata chegar o 10 de decembro a 455,62€, mentres que en becerros carniceiros tamén se superou en distintas sesións ata situarse nos 1.346,01€ do 29 de outubro.
Respecto a prezos máximos conseguidos por un exemplar, a Central rexistrou o maior prezo pago por un animal na historial do mercado o 8 de outubro. Foi cun boi de raza mestiza con etiqueta Vaca e Boi de Galicia nacido en agosto de 2019 e pertencente a unha explotación de Arzúa (A Coruña), o cal foi adquirido por 10.498€ (superaba así a marca ata o momento, situada nos 10.469€ doutro boi mestizo o 1 de marzo de 2022). Tamén se produciu este ano, o pasado 10 de decembro, a venda máis alta dun becerro carniceiro, ao chegar aos 2.546€.