Este certame, o único coa súa temática na comunidade galega, celebrarase de forma paralela á feira multisectorial Abanca Semana Verde de Galicia
Silleda, setembro 2016.- A Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap Abanca, celebrará do 8 ao 11 de xuño de 2017 a súa cuarta edición, a cal se levará a cabo de novo de forma paralela á Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que chega ao seu 40º aniversario.
Fecap Abanca 2017 dará continuidade á aposta da Feira Internacional de Galicia ABANCA por un certame único na comunidade galega pola súa temática, que pretende consolidarse como un atractivo foro para empresas, profesionais e afeccionados á caza, á pesca e ás actividades ao aire libre.
Nesta nova convocatoria o certame potenciará a súa área expositiva, a cal xa experimentou na pasada edición un notable crecemento tanto en expositores como na súa superficie de ocupación. Cotos de caza e pesca, cetrería, xestión cinexética, organizadores de cacerías e viaxes de pesca, criadores de cans, armerías, remolques, guarnicionería, equipamento e accesorios para caza e pesca, iluminación led, federacións e asociacións, espazos naturais, actividades ao aire libre ou medio ambiente, serán algunhas das súas áreas
Tamén se prestará especial atención ao seu programa, o cal destaca en cada cita polo seu gran número de propostas. Exhibicións, exposicións, talleres, xornadas técnicas, cursos, proxeccións, entregas de premios ou campionatos serán algunhas das posibilidades para contemplar ou participar que terán os visitantes.
Edición 2016
A pasada convocatoria de Fecap Abanca, a cal tivo lugar do 9 ao 12 de xuño deste ano, contou cun 55% máis de empresas e entidades participantes e case o dobre de superficie expositiva neta que na anterior edición, o que supuxo acondicionar para a súa localización o pavillón 4 do recinto, de 1.800m². O seu programa ofreceu cerca de 40 actividades distintas, moitas das cales se repetiron ao longo dos seus catro días de duración. O certame recibiu conxuntamente coa feira Abanca Semana Verde de Galicia e o resto dos seus certames paralelos máis de 100.000 visitantes.