
Na que será a súa cuarta edición, un dos pavillóns principais e tamén unha zona exterior do recinto feiral acollerán a exposición desta cita. Estará conformada por centos de vehículos de competición, de rally e clásicos que os seus propietarios exhiben para que o público poida desfrutar deles.
Destacará a gran cantidade de coches exclusivos e vehículos totalmente personalizados. Ademais, tamén haberá á venda equipamento e accesorios.
Drift, show rally e stunt
Á exposición de Motor Show Galicia 2025 engádese un espectacular programa de actividades. Este incluirá un gran número de exhibicións de drift (condución controlando o vehículo en estado de sobreviraxe) tanto diúrnas como nocturnas, de preto dunha vintena de pilotos, como Marc Blanco, Sergio Casallo, Santi Landín, Sito González, Adrián Cabanillas, Ismael Denis, Luis Ogando, Carlos Gutiérrez, Martín Nós, Marcos Miguélez, os pilotos de HMC Competición, José Alonso, Xoel Val, Eberto Piriz ou Yanibel Díaz, a única muller que compite en categoría Semipro.
Sumaranse espectáculos de stunt (acrobacias sobre motos) e diversos sorteos, entre eles de copilotaxes con condutores profesionais e dun BMW E-46 330Cl.
O Motor Show Galicia comezará mañá sábado ás 11.45 horas con adestramentos libres de drift, arrincando as exhibicións ás 15.30h. Ás 17.00h será o momento do stunt, para seguir ás 17.35h cun Show Rally. Ás 20.00h volverá o stunt e ás 20.35h comezará o drift nocturno. O domingo, o evento arrincará á mesma hora cos adestramentos libres de drift, aínda que as seguintes actividades, ata o Show Rally, adiantaranse media hora respecto ao sábado. Posteriormente o stunt será ás 19.50h e o drift nocturno ás 20.25h. A cita rematará co sorteo do BMW e entrega de premios ás 21.30h.
Toda a información pode coñecerse con detalle nas contas de Motor Show Galicia nas redes sociais Facebook e Instagram.





