A feira Abanca Semana Verde volve superarse: 758 expositores directos que supoñen a súa mellor cifra en 18 anos e maior carácter internacional

 

Silleda, 4 de xuño de 2025.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia abre mañá xoves as portas dunha 47ª edición coa que volve superarse. Así, este gran certame multisectorial alcanza a súa mellor cifra de expositores directos dos últimos dezaoito anos, estando presentes 758 empresas e entidades de oito países, un 1,6% máis que o ano pasado. A eles súmanse 364 firmas representadas, un 7% máis, as cales xunto ás empresas presentes directamente proceden de 27 países. Estes expositores ocupan 16.095 metros cadrados netos, que sumados aos correspondentes ás actividades ascenden a máis de 75.000 brutos.

Esta convocatoria será ademais a máis internacional dos últimos vinte anos. Serán sesenta e nove expositores directos estranxeiros, case o dobre que o ano pasado, de Portugal, Italia, Cuba, Colombia, México, Ecuador e Estados Unidos. Así mesmo, do total de firmas representadas, 142 serán estranxeiras de 26 países, e tamén participarán máis de corenta operadores turísticos e compradores alimentarios estranxeiros que participarán na Bolsa de Contratación de Turexpo Galicia e os Encontros de Compradores de Salimat Abanca, procedentes de vinte países distintos.

Por outra banda, a feira rexistra de novo récord no salón de turismo, xa que Turexpo Galicia chega aos 115 expositores directos, un 17% máis que o ano pasado.

A feira destacará unha vez máis pola súa gran diversidade. Así, non só volverá contar con sectores como gandería, bioenerxía, pequena maquinaria, ferramenta, mobiliario ou artesanía, e cos seus salóns paralelos de alimentación, turismo, caza, pesca e natureza, senón que nesta edición estrea a feira de beleza e estética Intermax Beauty Show. Unha proposta expositiva cun gran atractivo que tamén se traslada ao seu amplo programa, con actividades tanto para profesionais como para público xeral.

Os asistentes poderán acceder de forma gratuíta por décimo quinto ano consecutivo. Só se aboará o aparcadoiro, cun módico prezo de 3€ destinado un ano máis a incrementar a calidade do programa de actividades.

Un programa con infinidade de propostas


Nesta edición volverá destacar o seu amplísimo programa, con máis de 200 actividades distintas, moitas das cales se repetirán ao longo do certame e entre as que haberá numerosas novidades.

Salimat Abanca será de novo punto de encontro do sector alimentario e gastronómico. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), permitirán ás empresas reunirse con 31 importadores e distribuidores de 16 países, mentres que na súa área Alinova mostrará máis de 60 innovacións, algunhas tan orixinais como vermú picante ou barriñas de proteína sabor a torta de Santiago. Ademais, no seu programa haberá numerosas catas, showcookings con reputados chefs, talleres de cociña, o concurso popular de tortilla española, o Encontro de Creadores Dixitais ou conferencias sobre temas como “O valor emocional dos alimentos: comer xuntos, vivir mellor” ou “Intelixencia artificial: experiencias á carta, mellora as túas reservas e facturación”.

Turexpo Galicia e Festur, celebradas co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contarán con empresas e entidades do sector turístico entre as que destacan novas participacións e tamén 45 concellos e xeodestinos que promocionarán 60 festas galegas de interese turístico, a maior cifra deste evento. Na súa vertente profesional inclúese o seu Encontro de Creadores Dixitais e destacará a Bolsa de Contratación Turística, con 32 turoperadores con presenza en 10 países que buscarán propostas no salón e entre os que se estrean Indonesia e Serbia.

En canto á feira de caza, pesca e natureza, Fecap Abanca, ofrece un interesante programa, con propostas como a Presentación de Cans de Caza, exhibicións de cetrería e tiro con arco, un simulador, actividades de axilidade canina, unha exposición de trofeos de caza, demostracións de montaxes de mosca para pesca ou, como novidade, un concurso de lance de mosca. Pola súa banda, a primeira edición de Intermax Beauty Show incluirá conferencias sobre temas como autocuidado, benestar e oportunidade de negocio e tamén talleres de técnicas de styling masculino e feminino con multipremiados expertos en peiteado e estética, cuxa realización ou resultado será mostrado nun escenario con pasarela.

As actividades caninas e ecuestres volven ser outro dos atractivos do programa, podendo desfrutar no caso das primeiras con competicións de axilidade canina (agility), propostas do Can de Palleiro, unha exhibición da Unidade Cinolóxica do Terzo Norte de Infantería de Marina ou pastoreo con ovellas. Nas ecuestres incluirase o XII Galician Championship E.C.A.H.Ou Internacional C de cabalos árabes, un taller sobre “Coidados do poni” ou, de novo tras o seu éxito o ano pasado, un sorprendente espectáculo con cabalos, ponis, aguias e cans con números de doma en liberdade que combinará a alta escola con exercicios tan arriscados como a “posta húngara”.

Na área gandeira destacarán as razas autóctonas de Galicia, con exposicións e concursos morfolóxicos, ademais do I Concurso Interracial de Manexo Porcino: Porco Celta vs Gochu Asturcelta, o I Concurso de Fotografía Autóctonas Galegas Abanca, unha exhibición de doma de alta escola con traballos de rendas longas pé a terra con cabalos de Pura Razas Galega, un desfile de exemplares desta raza engalanados ao modo tradicional ou exhibicións de “aloitadores” que realizarán unha rapa das bestas con eguas de Pura Raza Galega. Así mesmo, doutras razas, contará cunha ampla mostra de ovino selecto ou unha xornada sobre epixenética na cría de animais.

Sumaranse talleres, como os da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e outras propostas lúdicas de gran interese como unha exposición de dinosauros animatronics, a X Carreira Popular, o VI Open de Xadrez, actividades multiaventura, shows de motor con dous dos tres únicos pilotos de stunt de Galicia ou, por primeira vez, exhibicións de skate.

 

>>> DESCARGA AQUÍ O CATÁLOGO DA FEIRA (PDF) 

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal