Equina Galicia revalida as súas tres estrelas e celebrarase coa máxima categoría de competición do 26 ao 28 de xullo

Silleda, 6 de marzo de 2024.- Equina Galicia celebrará a súa décima edición do 26 ao 28 de xullo. Será de novo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), onde o ring se converterá en escenario de importantes competicións nas que participarán destacados exemplares das mellores ganderías nacionais e tamén doutros países.

Organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, este evento terá como eixo principal o X Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, o cal volveu a conseguir para esta edición a categoría tres estrelas.

Por terceiro ano consecutivo a Real Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (ANCCE) concedeulle de novo o máximo nivel neste tipo de competicións, pola súa excelente evolución e o esforzo na súa organización, ademais de valorar novamente as infraestruturas destinadas ao concurso no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Esta proba, que se levará a cabo durante os tres días de Equina, será clasificatoria para a final do Campionato do Mundo, a cal se celebrará en Sevilla do 19 ao 24 de novembro, no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB).

Doma e espectáculos

Ademais do concurso morfofuncional, esta cita ecuestre comeza a preparar outras competicións xa consolidadas no calendario ecuestre nacional, como son a XXV Copa Accega, o Territorial e o VI Trofeo Xunta de Galicia – Medio Rural de Doma Clásica. Ademais, incluiranse outras competicións e actividades que a organización pechará nos próximos meses, entre elas espectáculos ecuestres.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal