Abanca Cimag-GandAgro volverá converterse en ferramenta para o avance do sector agropecuario do 20 ao 22 de febreiro de 2025

Silleda, 31 de xaneiro de 2024.- A V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, celebrarase na Feira Internacional de Galicia ABANCA do 20 ao 22 de febreiro de 2025. Así o decidiu o seu Comité Organizador nunha reunión mantida esta mañá no recinto feiral.

No encontro tamén se analizaron os resultados da pasada convocatoria e abordáronse outros aspectos relativos á organización do certame en 2025, de cara a comezar proximamente a súa comercialización.

A reunión estivo presidida por Joaquín Macho, secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, e contou con representación de entidades, empresas e cooperativas con gran peso no sector, como son a Federación Frisoa Galega (FEFRIGA) e Africor Pontevedra, Asociación de Defensa Sanitaria de Porcino de Silleda, Federación Galega de Porcino (FEGAPOR), Aira, Ausama, Cogal Sociedade Cooperativa Galega, Gea Farm Technologies Ibérica, Elmega, Grupo Coren, Delagro e Nudesa, ademais da entidade financeira ABANCA.

Punto de encontro do sector

Os participantes na reunión coincidiron en destacar o valor de Abanca Cimag-GandAgro como punto de encontro do sector, considerando a última edición positivamente. Esta, que tivo lugar do 2 ao 4 de marzo de 2023, reuniu a 424 firmas expositoras de 26 países, das cales 168 eran expositores directos procedentes de España, Alemaña, Austria, Bélxica, Francia, Italia e Portugal.

O certame ocupou os dous pavillóns principais do recinto, parte do paseo central e unha gran carpa anexa ao pavillón 2, supoñendo unha superficie bruta de máis de 25.500 metros cadrados e neta de 11.827 metros cadrados. En canto aos visitantes que acudiron a coñecer as propostas da súa exposición e a participar nas máis de 40 actividades programadas, ascenderon a preto de 19.000 durante os tres días.

Estas cifras supoñen que Abanca Cimag-GandAgro se manteña como o segundo evento en número de expositores e visitantes do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal