A feira Abanca Semana Verde de Galicia aumenta a súa afluencia e acada nesta edición os 102.689 visitantes

Silleda, 11 de xuño de 2023.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia e os seus certames paralelos Salimat Abanca, Turexpo Galicia, Festur e Fecap Abanca pecharon as súas portas tras cadro días nas que negocio e lecer uníronse tanto na súa área expositiva como no seu programa de actividades.

O certame recibiu desde o pasado xoves a 102.689 visitantes, aumentado así as súas cifras respecto ao ano pasado, cando acudiran 95.042 persoas. Estas foron rexistradas a través dun sistema de cámaras con software intelixente situadas nas entradas ao recinto que permite obter cifras totais de asistencia con maior precisión.

Nesta edición estiveron presentes 740 expositores directos de 10 países, a mellor cifra dos últimos 16 anos, entre os cales foron estranxeiros un 34% máis. Estes expositores sumados a 361 firmas representadas e aos compradores e operadores turísticos participantes nos encontros de negocio alimentarios e turísticos, supuxeron que 27 países estivesen presentes directamente e que fosen 36 os países representados. Respecto ao ano pasado estas cifras supuxeron un 6,7% máis de expositores. Ademais, o seu salón turístico conseguiu de novo cifras récord en número de expositores presentes e superficie, como xa fixese o ano pasado, cun 13% máis de participantes.

Estes magníficos datos tradúcense nunha gran xeración de negocio tanto na área expositiva como nos encontros de compradores e operadores turísticos, nos cales non só son excelentes as expectativas a curto prazo, senón que xa se pecharon importantes acordos en feira. Con todo iso, a valoración por parte dos expositores é moi positiva, mostrándose moi satisfeitos na súa maioría. Uns resultados que supoñen para a organización un motivo máis para seguir traballando no crecemento desta feira tanto en expositores, compradores alimentarios e operadores turísticos como en internacionalización, ademais de manter a fidelidade do público.

A feira, destacou unha vez máis pola súa diversidade, xa que ademais dos certames paralelos, centrados en alimentación, turismo, caza, pesca e natureza, contou con numerosos sectores, desde gandería, bioenerxía e pequena maquinaria ata mobiliario e artesanía, ademais de moitos outros produtos e servizos. Un atractivo que se trasladou ao seu amplo programa.

Un programa con gran éxito

Nesta edición volveu destacar o seu amplísimo programa, con máis de 200 actividades distintas, moitas das cales se repetiron en diversos momentos do certame e que contaron unha vez máis con gran éxito entre os visitantes.

O salón de alimentación Salimat Abanca foi un ano máis un importante espazo de negocio. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), acolleron máis de 1.300 reunións entre 130 empresas e 28 importadores e distribuidores de 19 países. A súa área Alinova mostrou preto de 80 innovacións, mentres que no seu programa houbo numerosas catas, showcookings con reputados chefs, o Encontro Gastroblogger, o III Concurso da Tortilla ou o novo “Faladoiro de Salimat”, onde o chef galego Miguel Mosteiro, o vasco Diego Valdivieso e o andaluz Paco Ybarra falaron do onte e do hoxe na súa experiencia vital e na súa profesión mentres elaboraron un prato de referencia nas súas vidas.

Turexpo Galicia e Festur, que se celebrou co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contou con multitude de empresas e entidades do sector, entre elas a Axencia para o Desenvolvemento Turístico de Ucraína (SATD) nun espazo cedido pola feira e destinado a que os visitantes puidesen mostrar a súa solidariedade ao país e tamén 31 concellos que promocionaron 40 festas galegas de interese turístico. Na súa vertente profesional incluíuse o VI Encontro de Bloggers de Turismo e destacou a Bolsa de Contratación Turística, con máis de 2.200 reunións de negocio entre 140 empresas e preto dunha trintena de operadores turísticos presentes en doce países.

En canto a Fecap Abanca, ofreceu de novo un interesante programa, con propostas como o II Concurso Monográfico do Club Español do Grifón Nivernés, a III Presentación de Cans de Caza, exhibicións de cetrería, un simulador, exposición de trofeos de caza ou talleres sobre aspectos como seguridade para actividades no medio natural ou condución climatolóxica extrema.

As actividades caninas e ecuestres volveron ser outro dos atractivos do programa, podendo gozar no caso das primeiras con propostas como a Copa Federación Abanca Semana Verde de agility, propostas do Can de Palleiro, o Concurso Nacional Canino de beleza ou novas exhibicións de mondioring e da Unidade Cinológica del Tercio Norte de Infantería de Marina. Nas ecuestres destacou o Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galego, unha proba de obstáculos con cabalos árabes, o taller sobre “Coidados do Poni” ou o X Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C de cabalos árabes, no que unha princesa de Abu Dhabi, Her Highness Sheikha Fatima Bint Hazza Bin Zayed Bin Sultan Al Nahyan, foi un dos xuíces do concurso.

Na área gandeira destacaron as razas autóctonas galegas, con exposicións tanto de Rubia Galega e de Galiña Piñeira como das razas en perigo de extinción, realizando tanto estas últimas como a Galiña Piñeira concursos morfolóxicos, ademais do IV Concurso Nacional de Manexo de Porco Celta. Ademais, puidéronse ver grandes bois das razas Maronesa, Cachena, Barroça e Alistano-Sanabresa.

Nesta edición tamén destacou a celebración de foros e xornadas, entre eles o ““I Foro de Activistas: por un futuro rural”, a presentación da ferramenta informática “Sistemas de xestión de explotacións agrarias (agro 4.0)” por parte da Consellería do Medio Rural ou conferencias como “Ingredientes alternativos en alimentación animal e estratexias sostibles para a mellora do benestar en gandería”. Tamén os talleres foron numerosos, como os da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

O programa completouse con outras propostas lúdicas, como shows de motrocrós, unha exposición de dinosauros animatronics, a VIII Carreira Popular, o IV Open de Xadrez, a realización de esculturas con motoserra ou actividades multiaventura.

>>> Ver tódalas fotos da feira Abanca Semana Verde de Galicia 2023

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal