O director da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán, renova o seu cargo como presidente da Asociación Galega de Feiras e Eventos

Silleda, 8 de setembro de 2022.- O director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, renovou o seu cargo como presidente da Asociación Galega de Feiras e Eventos (Agafe). Así se decidiu na asemblea xeral da entidade, celebrada onte no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Con esta designación, Durán prolongará outros dous anos o seu mandato, o cal comezou en marzo de 2019 e se estendeu máis do tempo establecido debido ás especiais circunstancias derivadas da pandemia.

Na vicepresidencia de Agafe estará Rubén López, director xerente da Fundación de Feiras e Exposicións de Lugo. O tesoureiro será Rogelio Martínez, director xerente de Expourense, e como vogal exercerá Belén Montero, directora xerente do Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, en representación de Monbus. A secretaria xeral será Nuria López, xestora de produto da Feira Internacional de Galicia ABANCA, recinto xestionado pola Fundación Semana Verde de Galicia.

Á fronte de Agafe, Ricardo Durán continuará co seu labor para contribuír a unha maior profesionalización do sector, á xeración de alianzas e sinerxías que o fagan máis forte e a visibilizar a súa relevante achega ao tecido produtivo.

Por outra banda, no marco da asemblea xeral de Agafe abordouse a situación do sector. Sobre ela destacouse o importante crecemento da actividade e o número de eventos tras a pandemia, tanto de todos os membros da entidade como en Galicia en xeral, ademais da recuperación do importante papel do sector na promoción económica e o turismo.

Agafe

A Asociación Galega de Feiras e Eventos é unha entidade sen ánimo de lucro para a representación, coordinación, defensa e fomento das actividades feirais, exposicións e eventos dos seus membros.

Constituíuse en 2012 e actualmente está conformada por 58 asociados, entre os que se atopan xestores de infraestruturas, organizadores de eventos, provedores de servizos directos e indirectos e profesionais.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal