A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia prepara xa a súa 45ª edición para volver sorprender do 8 ao 11 de xuño

Silleda, 5 de setembro de 2022.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia xa fixou as súas datas para 2023.

Así, do 8 ao 11 de xuño celebrará a súa 45ª edición, converténdose de novo no gran certame multisectorial de comercio e lecer do noroeste peninsular. Unha posición que segue a consolidarse con resultados como os da súa pasada edición, cando alcanzou cifras récord de expositores e superficie nos seus salóns de turismo e alimentación, celebrou 200 actividades con gran atractivo e volveu rexistrar unha afluencia extraordinaria ao achegarse aos 100.000 visitantes.

Co obxectivo de continuar con esta excelente progresión e volver sorprender tanto a expositores como a público, a entidade feiral xa está a traballar nesta edición, a cal conxugará de novo negocio e entretemento, ademais de caracterizarse unha vez máis pola súa diversidade.

Para iso, volverá contar de forma paralela co XXVI Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca; o XII Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, a IX Feira de Festas de Interese Turístico, Festur, e tamén a IX Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap Abanca.

Excelentes expectativas

 Para esta nova cita o equipo do certame non soamente está avalado pola traxectoria de Abanca Semana Verde e as cifras do pasado mes de xuño, senón que tamén contan co respaldo dos seus expositores, os cales valoraron moi positivamente a última convocatoria e mostráronse moi satisfeitos.

Tanto é así que a inmensa maioría deles confirmaron que participarán en 2023 e nalgúns casos nos que estiveron presentes de forma agrupada, mesmo indicaron que o farán individualmente.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal