Gran cita do motor do 8 ao 10 de abril coa celebración de Auto Classic e Motor Show na Feira Internacional de Galicia ABANCA

Silleda, 31 de marzo de 2022.- A  Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá do 8 ao 10 de abril unha gran cita do mundo do motor con dous eventos que regresan ao recinto para celebrar a súa segunda edición, Auto Classic e Motor Show Galicia.

Así, durante os tres días levarase a cabo Auto Classic, centrado nos vehículos clásicos. Contará con exposición e venda de coches antigos, así como todo tipo de pezas para restauración. Ademais, estarán presentes revistas especializadas e outras empresas relacionadas.

A este evento sumarase Motor Show Galicia os días 9 e 10. Terá como protagonistas aos vehículos de competición e na súa exposición poderase adquirir todo tipo de equipamento para estes coches, desde rodas ou lamias ata equipos de música ou produtos para  abrillantamento. Tamén haberá servizos relacionados, como contratación de seguros.

Un completo programa a fin de semana

Estas citas do motor, organizadas por  Sac  Events, celebrarán a fin de semana numerosas e vistosas actividades. No interior do pavillón 2 do recinto, onde se situará a exposición, haberá un campionato de simuladores de condución e circuítos tanto de coches teledirixidos como de scalextric.

En canto ao exterior, celebraranse exhibicións de car cros e  drift (condución a altas velocidades con espectaculares manobras e movementos), unha xincana de vehículos clásicos e tamén o espectáculo de  Josete  Stunt, no que se poderán ver arriscadas acrobacias e trucos con quads, unha moto e unha bicicleta.

O horario destes certames estenderase de 11.00 h a 20.30 h. En canto ao prezo da entrada, conxunta para ambos os salóns, o venres día 8 será de 7 euros, mentres que o sábado 9 e o domingo 10 será de 10 euros.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal