A feira Abanca Semana Verde ultima exposición, actividades e medidas de seguridade da súa edición especial, que será do 3 ao 5 de setembro

Silleda, 18 de agosto de 2021.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia ultima estes días a súa edición especial 2021, a cal terá lugar do 3 ao 5 de setembro.

Aínda que este emblemático certame se desenvolve habitualmente no mes de xuño, nesta ocasión trasladou as súas datas debido á situación sanitaria derivada da COVID-19, podendo manter así a súa celebración este ano co obxectivo de contribuír á reactivación das empresas e reanudar tanto a necesaria interacción entre oferta e demanda como o lecer de forma segura. Ademais, esta cita supón unha edición de transición para recuperar en 2022, xa nas súas datas habituais, a súa condición de maior certame multisectorial de mostras e lecer do noroeste peninsular.

Para esta edición, que conta con tres días de duración en lugar de catro, a feira está inmersa na organización da súa área expositiva e a dos seus certames paralelos, o Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca); o Salón Turístico de Galicia (Turexpo Galicia); a Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) e a Feira de Caza, Pesca e Natureza (Fecap). Así mesmo, está a deseñarse o programa de actividades desta edición, no que de novo se incluirán tanto novidades como propostas consolidadas no certame.

Unha feira segura


A 43ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia  pretede, adaptándose ás circunstancia actuais, conxugar negocio e entretemento, de modo que os expositores poidan rendibilizar a súa presenza e o público desfrutar da xornada, pero sempre priorizando a súa seguridade. Así, dende a organización elaborouse  un plan de continxencia COVID-19 que se presentou á Dirección  Xeral de  Saúde Pública da Xunta de Galicia e sobre o que se están pechando algúns detalles para a súa próxima aprobación.

Nel establécense medidas previas á celebración da feira e de acceso tanto ao recinto como a cada unha das áreas diferenciadas do mesmo durante o desenvolvemento do evento, ademais de medidas específicas para a área expositiva e os seus stands, para as diferentes actividades incluídas no programa e para os servizos e locais de restauración.
 
© 2020 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención ao público: de luns a xoves de 9 a 14 e de 15 a 18 horas. Venres de 8 a 15 horas