Sen embargo, tras o anuncio público, algunhas empresas expositoras habituais do certame, e outras con interese en participar na próxima cita, consultaron á Feira Internacional de Galicia ABANCA se habería posibilidade de variar lixeiramente esas datas previstas. O motivo é que a festividade de San Xoán, celebrada en múltiples municipios e algunhas comunidades autónomas, coincide cunha das xornadas do certame e isto podería supoñerlles dificultades organizativas e loxísticas.
Dese modo, dende a Organización, e en estreito contacto coas empresas que conforman o Comité Organizador, atendéronse estas consideracións, valorando tanto a situación destas empresas como a posibilidade de que esta circunstancia poida tamén afectar a expositores potenciais e aos visitantes profesionais de distintos lugares.
Así, para facilitar ao máximo a participación das empresas e profesionais no certame, e para consolidar e fortalecer o seu espectacular crecemento, decidiu fixar a súa celebración do 30 de xuño ao 2 de xullo de 2022. Será entón cando Galiforest Abanca se converta de novo en espazo de referencia para o sector forestal.