Nace AquaFuture Spain, unha feira única en España que reunirá ao sector acuícola internacional do 24 ao 26 de marzo de 2022

O sector da acuicultura contará o próximo ano cunha cita feiral propia, AquaFuture Spain´22, un evento que será único en España e que se converterá no primeiro certame con esta temática que se celebra no país desde o ano 2010.

AquaFuture, organizado por  OK Eventos, terá lugar do 24 ao 26 de marzo de 2022 no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, situado en Silleda, moi próximo a Santiago de Compostela.

Na capital galega foi presentado onte este I Salón Internacional da Industria Acuícola, con presenza de Juan Lijó, representante de  OK Eventos, quen destacou que "AquaFuture Spain´22 quere axudar a destacar e fortalecer un sector económico en continuo crecemento. A acuicultura é presente e futuro, un exemplo en investigación, tecnoloxía e produción sostible, e o sector reclamaba que España tivese un evento que lles dese voz e visibilidade." Non en balde, España é un dos principais produtores de acuicultura europea, sendo considerado un sector clave na cadea alimentaria.

Ademais, estivo presente Ángela  Debenedetti, membro da secretaría técnica do clúster nacional de acuicultura,  Acuiplus, o cal forma parte do Comité Organizador do evento.  Debenedetti quixo transmitir en nome do presidente do clúster, Albert Comas, e da clúster  manager, Yolanda Molares, que se senten “moi emocionados de formar parte deste proxecto, que se mostra como unha gran oportunidade para fortalecer o posicionamento da acuicultura española” e consideran que “un evento destas características serviría de gran apoio ás pequenas e medianas empresas que desexen ampliar o seu negocio a mercados internacionais, así como ás empresas consolidadas que desexen presentar os seus novos servizos e produtos; ademais de  catapultar aos novos emprendedores”.  Acuiplus coordinará o programa de xornadas técnicas da feira e neste sentido quixo destacar que “estamos a traballar nun programa de xornadas técnicas moi potente, a través do que se materialice o potencial do sector dende o traballo colaborativo da cadea de valor”

Tamén participou Javier Fraga, responsable da división Mar de Abanca, entidade colaboradora do evento, quen incidiu en que “para Abanca a acuicultura é un complemento necesario á industria extractiva, apostamos por ela e por este motivo o sector conta co apoio financeiro de Abanca Mar”, mentres que respecto ao evento considerou que “parécenos unha gran iniciativa e por iso non dubidamos en apoialo”.

Ricardo Durán, director da  Feira Internacional de Galicia ABANCA, acompañou a organizadores e colaboradores e mostrouse “encantado de que, ademais da nosa propia iniciativa de crear novas feiras, haxa empresas organizadoras externas que elixan Silleda como lugar ideal no que organizalas”, engadindo que “cremos que seguirán o seu exemplo principalmente aquelas que nazan con gran vocación de crecemento, pola oferta de espazo que ofrece a  Feira Internacional de Galicia ABANCA, e que valoren a centralidade do noso recinto respecto a toda Galicia.”

Confirmadas xa cen empresas de 17 países

AquaFuture  Spain´22, que conta coa empresa  Morenot como patrocinador oficial e en cuxa organización  OK Eventos leva xa meses traballando, será un punto de referencia para que os profesionais do sector acuícola internacional coñezan as últimas innovacións tecnolóxicas e estratexias do mercado, sempre baixo o enfoque da xestión sostible dos recursos.

O salón contará cun gran espazo expositivo,  ExpoFuture, onde se presentará o último no mercado e promoverase o establecemento de liñas de negocio e sinerxías. A un ano para a súa celebración, máis de 100 empresas e entidades de 17 países confirmaron xa a súa participación, sendo 40 delas compañías internacionais. Terá presenza tanto o sector produtivo como organismos oficiais e institucións públicas, ademais de novos emprendedores e  star- ups, que terán a oportunidade de presentar os seus proxectos.

A esta área de exposición uniranse outras formas experienciais de mostrar o produto. Será a través de xornadas de degustación e  showcookings que permitirán coñecer as aplicacións dos produtos acuícolas na cociña moderna e tradicional. Así mesmo, o servizo de restauración do recinto incluirá un menú diario no que se dará especial relevancia á acuicultura.

Compartir coñecementos e abrir mercados

AquaFuture  Spain´22 ofrecerá ademais un punto de encontro entre expositores e visitantes para explorar novas oportunidades de negocio e intercambios comerciais. Desta forma créase  AquaPoint, un espazo dinámico de reunións, presentacións, contratación e, en definitiva, encontros empresariais entre todos os stakeholders que constitúen a cadea de valor da acuicultura.

Ademais, co obxectivo de promover a innovación e a transferencia de coñecemento, o salón contará cun programa continuado de xornadas técnicas impartidas por relatores de recoñecemento internacional e con temáticas de gran interese para o sector, especialmente no ámbito da tecnoloxía, a innovación ou a economía. Estas sesións conformarán o espazo  InnoAqua e serán compartidas vía telemática para unha maior prospección e internacionalización.
 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal