Silleda, 9 de outubro de 2020.- O recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá mañá os primeiros test de comportamento que realiza o Can de Palleiro en exemplares desta raza autóctona galega. Trátase da parte presencial dun estudo que ten como obxectivo principal promover unha cría responsable desta raza e coñecer en maior profundidade as súas características temperamentais.
O Club Raza Can de Palleiro (CRCP) e a Fundación Rof Codina son os impulsores deste proxecto, subscribindo un convenio mediante o cal o Servizo de Etoloxía do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina está a realizar un estudo sobre diferentes aspectos do comportamento racial destes cans.
Para o seu desenvolvemento establecéronse dous test. O primeiro trátase dun cuestionario previamente validado co que se pretende manter e potenciar perfís de comportamento específicos da raza ao longo do tempo. Grazas a el poderíase chegar a avaliar o comportamento da descendencia, monitorear o progreso da selección do comportamento dentro das razas ou liñaxes, elixir os mellores reprodutores e obter medidas de comportamento fenotípicas confiables para futuros estudos xenéticos do temperamento. Xa se obtiveron 178 cuestionarios de exemplares de Can de Palleiro.
Avaliación presencial
Estes cuestionarios complementaranse realizando un test de comportamento presencial tamén validado cientificamente. Os primeiros test que levarán a cabo neste estudo serán os que mañá acolle o recinto feiral, onde se avaliarán unha ducia de cans durante toda la mañá, se ben se repetirán en distintos puntos da xeografía galega coa finalidade de obter o maior número de participantes posible.
Nesta parte do estudo expoñerase ao animal a diferentes estímulos de distinta intensidade e valorarase a súa reacción, sempre velando polo benestar de cada can participante. Cos resultados de ambas, poderase realizar unha elección máis eficaz dos futuros reprodutores, así como categorizar mellor o temperamento da raza.