Os concursos nacionais e internacionais de beleza canina volven á Feira Internacional de Galicia ABANCA os días 5 e 6 de setembro

 

Silleda, 21 de xullo de 2020.- O recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA acollerá tres concursos nacionais e internacionais de beleza canina. Será durante os días 5 e 6 de setembro.

Organizados pola Sociedade Canina Galega, trátase da 93ª e a 94ª Exposición Nacional Canina Feira Internacional de Galicia ABANCA e tamén da 41ª Exposición Internacional Canina Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Estas probas teñen como obxectivo buscar aos exemplares máis semellantes aos estándares da Federación Cinolóxica Internacional (FCI) e así recoñecer aos mellores exemplares para a cría. Para isto, xulgarase a morfoloxía, os movementos e o carácter dos cans.

As categorías destes concursos serán “Moi Cachorros”, de 4 a 6 meses; “Cachorros”, de 6 a 9 meses; “Xoven”, de 9 a 18 meses; “Intermedia”, de 15 meses a 2 anos; “Aberta”, a partir de 15 meses (solápase en parte coa idade da anterior, polo que os participantes poden escoller entre unha ou outra); “Veterana”, de máis de 8 anos, e “Traballo”, para  cans de utilidade e caza que teñen certificado de traballo. Tamén contará coa categoría de “Campións”, na que poderán participar aqueles exemplares que compitan en “Intermedia” ou “Aberta” e que teñan algún título de campión.

Ademais, os participantes nas anteriores categorías poden competir en “Parellas”, á que concorren machos e femias da mesma raza, variedade e propietario e tamén en “Grupo de Cría”, para cans criados polo mesmo propietario, da mesma raza e variedade, pero que no momento do concurso non teñen por que pertencer ao mesmo propietario.

Nos tres concursos premiarase ao mellor can de cada raza en “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven” e “Adulto”, os cales irán á final de grupo. Hai once grupos dos que saíran outros tantos gañadores, un por grupo. Entre estes once gañadores elixiranse os mellores do concurso, o  Best in Show en “Moi Cachorros”, “Cachorros”, “Xoven” e “Adulto”. Ademais, recoñecerase o Mellor Veterano e o Mellor de Razas Españolas.

Así mesmo, tanto nos concursos nacionais como no internacional obterán puntos para o Campionato de España e o Campionato Internacional.

Por outra banda, estas competicións puntúan para Mellor Can do Ano en Galicia dos Socios da Sociedade Canina Galega, campionato para os membros desta entidade que comeza o día 1 de xaneiro e remata co último concurso do ano.

Ademais, serven para seleccionar aos cans que serán invitados á Gala TOP32, na cal se convida aos 32 cans que obtiveron máis méritos durante todo o ano anterior nas exposicións e concursos que celebra a entidade en Galicia. Dado que este evento ten lugar na primeira exposición do ano seguinte, os seleccionados este ano participarán na Gala TOP32 do 2021.

Estreita colaboración

O recinto feiral é escenario de gran cantidade de competicións e exhibicións caninas, tanto de forma independente coma no marco de distintas feiras. Ademais doutros colectivos, a Sociedade Canina Galega é unha das entidades destacadas na organización destas actividades, o que supón unha estreita colaboración coa entidade feiral.

Así, todos os anos a Canina Galega realiza o Concurso Nacional Canino Abanca Semana Verde de Galicia no marco deste certame multisectorial, o cal celebrou en 2019 a súa décimo cuarta edición. Ademais, organiza diversas propostas na Feira de Caza, Pesca e Natureza (Fecap Abanca), como monográficos de distintas razas. Fóra destes certames tamén ten celebrado no recinto citas como unha proba de aptitudes naturais para a caza de cans Retriever.

 

 
© 2020 Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención ao público: de luns a xoves de 9 a 14 e de 15 a 18 horas. Venres de 8 a 15 horas