Máis de 128.000 visitantes rexistrados reafirman á feira Abanca Semana Verde de Galicia como a gran cita de mostras e ocio do noroeste

Silleda, 10 de xuño de 2019.- A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia pechou hoxe as portas da súa 42ª edición reafirmándose como a gran cita de mostras e ocio do noroeste, tanto pola cifra de expositores e o seu amplo programa de actividades como pola afluencia de visitantes.

Dende o xoves ata hoxe o certame contou con 128.066 visitantes rexistrados, aos que se suman algúns que accederon por determinadas entradas en autobús, sobre 2.000, e tamén nalgúns automóbiles. A feira contou nesta edición cun sistema de cámaras con software intelixente situadas nas seis entradas ao recinto que permitiron á organización obter estas cifras de asistencia. O provedor desta solución de conteo dixital, que contabiliza tanto as persoas que entran como as que saen, é a empresa Intermax, mentres que as cámaras están fabricadas polas marcas IDS e Axis e a firma Eagle Eye Networks se encargou de instalar o software e tamén validar os resultados.

O emprego deste sistema permitirá que a partir desta edición a feira Abanca Semana Verde de Galicia poda facilitar cifras con precisión.

A feira contou con 725 expositores directos de 12 países que ocuparon unha superficie de 19.468 metros cadrados. A estas entidades sumáronse 336 firmas representadas, as cales xunto ás empresas presentes directamente procedían de 26 países. Unhas cifras que supuxeron un 6,1% máis de expositores e un 9,3% máis de superficie. Tamén aumentaron os países representados, tanto polos expositores, xa que en 2018 procedían de 7 países, como polas firmas totais, pois foran de 20.

Con todo isto e o seu amplo programa de actividades, a feira non só volveu a contar co respaldo do público en canto a asistencia, senón que tanto este como os expositores expresaron a súa satisfacción xeralizada. Estes últimos trasladaron á organización os bos resultados obtidos nos encontros de negocio alimentario e turístico, ao tempo que consideran unha fórmula moi axeitada seguir incidindo na parte máis profesional os dous primeiros días e na máis lúdica a fin de semana. Unha exitosa formulación á que se suma o bo momento das feiras como unhas das principais ferramentas de marketing e negocio das empresas.

Certames paralelos e 200 actividades

O salón de alimentación Salimat Abanca, foi un ano máis unha plataforma de negocio tanto para a distribución como para pequenos produtores. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), acolleron 1.500 reunións entre 29 importadores e distribuidores de 17 países.

A súa área Alinova deu relevancia unha vez máis aos produtos innovadores, con 80 de gran orixinalidade, mentres que no seu programa destacaron numerosas catas, degustacións e showcookings, como o da finalista de MasterChef 6, Ketty Fresneda, e os de reputados chefs do Grupo Nove, Cociña Ourense, Cociñeiros da Mariña e Coruña Cocina. Tamén se celebraron talleres e presentacións de produtos, entre eles das razas autóctonas en perigo de extinción.

En canto á feria de caza, pesca e natureza Fecap Abanca, que contou co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, incluíu numerosas novidades, como un curso de xuíces de agility, unha xornada sobre armas e municións, o Campionato Provincial de Recorrido de Caza con Arco, talleres sobre como educar ao teu can ou de montaxe de moscas para auga doce do campión galego en 2018, Pedro Bolaño. Ademais, destacou a Feira de Cans de Caza, que reuniu sobre 150 exemplares

Turexpo Galicia e Festur, as cales se celebraron conxuntamente co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contaron con distinto tipo de empresas do sector e 36 concellos que promocionaron 49 festas de interese turístico. Na súa vertente profesional destacou o Encontro de Bloggers e a súa Bolsa de Contratación, a cal acolleu 2.400 reunións de negocio con 47 turoperadores de 11 países.

As actividades caninas e ecuestres foron moi numerosas, podendo desfrutar no caso das primeiras do XIV Concurso Nacional Canino, probas oficiais da Liga Autonómica de Agility, unha exhibición do Tercio Norte de Infantería de Marina ou diversas propostas do Can de Palleiro. Nas ecuestres destacou o VII Galician Championship de cabalos árabes, unha exhibición de horseball da Selección Galega Feminina ou propostas co Cabalo de Pura Raza Galega, como un morfolóxico ou exhibicións de ximnasia acrobática sobre cabalos

A área de gandería tamén ofreceu un completo programa centrado nas razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción. Celebráronse concursos morfolóxicos de todas elas, sendo a primeira vez que tiveron lugar os da Ovella e Cabra Galegas, e tamén o II Concurso Nacional de Manexo de Porco Celta. Ademais, houbo unha exposición da raza Rubia Galega e mostras de ovellas Suffolk, Galiña Piñeira e bovinos raza Minhota, Maronesa e Barrosa.

O programa completouse con outras propostas de gran interese, como espectáculos de Freestyle Motocross unha exposición de dinosauros animatronics, unha demostración de medios da Garda Civil, o II Open de Xadrez, a V Carreira Popular, a realización da primeira entrega en España de teléfonos móbiles por medio dun dron ou a xuntanza anual do programa radiofónico Pensando en Ti. Tamén se realizaron talleres de, entre outros, pregado artístico de toallas ou de queixos artesáns, realizados por alumnos de distintos ciclos de formación profesional.

En total foron máis de 200 actividades distintas, as cales conformaron un programa para todos os públicos e con numerosas novidades.

 
Feira Internacional de Galicia ABANCA - Avda. Recinto Feiral S/N. 36540 Silleda - Pontevedra - España
Tfno (34) 986 577000 - Fax (34) 986580865 - Email: info@feiragalicia.com
Horario de atención al público: de lunes a jueves de 9 a 14 y de 15 a 18 horas. Viernes de 8 a 15 horas

Política de Protección de Datos  Aviso Legal